O folclore e as bandas protagonizan a Semana Musical de Tenorio
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade pon en marcha entre o 8 e o 11 de setembro a Semana Musical de Tenorio na que serán protagonistas os concertos ofrecidos pola Banda de Música de Tenorio, o Grupo Foula, a Banda de Música de Salcedo e os Trazantes de Tenorio.
As actuacións celebraranse todos os días no pavillón do instituto de Tenorio ás 20 horas coa intención de non ter que depender das condicións metereolóxicas.
Así, o mércores 8 de setembro iniciará estas xornadas a Banda de Música de Tenorio que ofrecerá un variado repertorio con pezas tradicionais e outras novas incorporacións musicais.
O seguinte en tomar o relevo será o Grupo Foula cun espectáculo baseado na música tradicional e que animará con pezas populares a tarde do xoves 9 de setembro, tamén a partir das 20 horas no pavillón do IES de Tenorio.
O venres 10 de setembro, ás 20 horas, o protagonismo musical correrá a cargo da Banda de Música de Salcedo, dirixida polo mestre holandés Marcel Van Bree, que achegará unha selección musical nA que se mesturará o repertorio de música clásica de banda con outras composicións que animarán ao público asistente.
A Semana Musical concluirá o sábado 11 de setembro coa actuación dos Trazantes de Tenorio que ofrecerán un espectáculo de música e baile tradicional no pavillón do instituto de Tenorio.
Segundo o alcalde, Jorge Cubela, esta iniciativa cultural obedece á necesidade de "dinamizar culturalmente a parroquia de Tenorio ao mesmo tempo que apoiamos aos nosos grupos con iniciativas que permitan mostrar o seu traballo ao conxunto da veciñanza".
Todas estas actuacións están marcadas pola obrigatoriedade do público de asistir provistos de máscaras, gardar o distanciamento social e respectar o aforo establecido dentro do marco das normas sanitarias de prevención e loita fronte á pandemia da covid-19.