Os restos atopados na escavación da Pescadoira serán musealizados nun novo Centro de Interpretación
Por Redacción
Cun investimento de 225.000 euros, a Xunta de Galicia quere crear unha nova Sala de Interpretación para mostrar o pasado romano da vila. O anuncio realizábao este sábado Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, durante a súa visita ao Museo Massó.
Segundo indicaba, desde a súa consellería sufragarase máis do 80% da obra, que permitirá visibilizar uns fondos de especial valor para a vila e para o resto de Galicia. Para acometer o proxecto asinarase un convenio co Concello que dirixe o alcalde Félix Juncal.
A proposta supoñerá a musealización de pezas que forman parte dun taller de cerámica como un forno de planta circular e restos dunha fábrica de salgadura do século II d. C., entre outras edificacións anexas que se atoparon na escavación arqueolóxica realizada na rúa Montero Ríos, no lugar da Pescadoira. O Concello de Bueu, pola súa banda, acondicionará un local de propiedade municipal.
Este proxecto, segundo o conselleiro, súmase á musealización da historia da pesca en Bueu, que se realiza no Museo Massó para acondicionar cubertas, carpintería e fachada cun investimento de máis de 80.000 euros.
Estes traballos permitirán que este espazo amplíe tamén a zona para a exposición permanente no Museo que será dedicada ao artista Urbano Lugrís.