6.000 euros de premio á fotografía urbana que mellor amose os cambios nos espazos públicos da provincia
Por Redacción
O proxecto Ágora da Deputación de Pontevedra pon en marcha o certame de fotografía #FotoÁgora coa idea de que se recollan imaxes sobre os espazos públicos e a prioridade que teñen as persoas nestas zonas.
Este martes saen publicadas as bases no Boletín Oficial da provincia e establécense premios por un total de 40.000 euros. Os participantes deberán presentar imaxes de calidade que ofrezan espazos transformados en vilas e cidades da provincia en que se detecte a filosofía de "persoas primeiro".
A proposta do deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, pretende aproveitar os parámetros da fotografía urbana en que se combinan o elemento humano coa arquitectura.
O certame está aberto tanto a profesionais como a persoas afeccionadas á fotografía tanto de Galicia como internacionais para mostrar como as persoas gañan terreo nos espazos públicos fronte aos automóbiles.
O primeiro premio ascende a 6.000 euros; o segundo será de 4.000 mentres que o terceiro alcanzará os 2.000 euros. A eles súmanse vinte accésits de 500 euros.
As bases atópanse xa subidas á páxina da Deputación en tres idiomas. Cada participante poderá presentar un máximo de cinco imaxes, correspondéndose con cada un dos dez principios que propón a Rede Ágora. Premiaranse as fotografías sobre actuacións realizadas exclusivamente no espazo público da provincia de Pontevedra que mellor reflictan eses principios que se centran en espazos amables, de calidade, baseados na mobilidade inclusiva, sostible, segura, que permite a autonomía infantil e os movementos alternativos, ademais de fomentar a economía de proximidade ao establecer ás persoas como elemento principal.
As persoas interesadas deberán presentar un formulario de preinscrición para, no prazo dun mes, entregar os traballos de maneira anónima en formato dixital acompañados polo título e a descrición da localización do espazo público fotografado. Só cando o xurado conceda os premios coñecerase a autoría das fotografías gañadoras, segundo indican desde a Deputación Provincial.
Relacionadas:
-
Premio ás 32 imaxes que mellor amosan que as persoas son as destinatarias do espazo público
Por Redacción |
-
O certame de fotografía #FotoÁgora xa ten gañadores
Por Redacción |
-
O xurado de Foto Ágora comeza a selección para premiar ás mellores fotografías sobre o espazo público
Por Redacción |
-
Cinco últimos días para inscribirse no certame de fotografía #FotoÁgora
Por Redacción |