Els Joglars regresa a Pontevedra con "El coloquio de los perros", o seu novo espectáculo teatral
Por Redacción
Els Joglars regresa a Pontevedra. Farao o vindeiro xoves 10 de outubro, ás 20.30 horas. O Centro Social Novacaixagalicia acollerá a representación da nova montaxe teatral da prestixiosa compañía catalá, xa sen a dirección de Albert Boadella, que deixou o seu posto hai un ano. Trátase do coloquio de El coloquio de los perros, unha reinterpretación da obra de Miguel de Cervantes que leva o mesmo nome.
El coloquio de los perros, cuxa dirección corre a cargo de Ramón Fontserè que tamén participa no elenco xunto a Pilar Sáenz, Dolors Tuneu, Xavi Sais e Xevi Vilá, actualiza a temática cervantina das relacións entre o home e o animal que adquire agora novos matices. Entre a época de Cervantes e a actualidade hai profundas diferenzas na forma de relacionarse cos animais.
A obra fainos ver as proporcións singulares que adquire o tema, chegando a conflitos en grao sumo extravagante. A obra de Els Joglars conta como eses dous cans sabios contemplan con asombro como os insensatos humanos desta sociedade empéñanse en ascendelos da súa condición de simples cans, para podelos tratar coma se fosen persoas. Seguramente o seu bo olfato, por iso nacen co nariz aberto quince días antes de que se abran os seus ollos, permitiulles seguir na súa condición de animais sen apartarse da natureza.
Pola contra os bípedos chamados racionais no seu delirio mistificador e prepotente sobre o mundo animal parece que cada vez se apartan máis dela. A compañía pretende que este coloquio de cans do gran Cervantes actualizado sirva para botar o freo a tanto desmán e valorar o bo entendemento de Cipión e Berganza.
As entradas para este espectáculo poden ser adquiridas a través das canles habituais de comercialización: www.servinova.es, e a billeteira telefónica 902 504 500, en horario de 8.00 a 22.00 horas.