Els Joglars, Charo López ou Miguel Ángel Solá, protagonistas da programación teatral de Novacaixagalicia ata decembro
Por Alejandro Espiño
Els Joglars, Charo López, Miguel Ángel Solá, Luisa Martín... Son só algúns dos nomes propios que virán nos próximos meses a Pontevedra para presentar os seus novos espectáculos teatrais. A obra social de Novacaixagalicia preparou unha notable programación de teatro para os últimos catro meses do ano. Seis montaxes que traerán á cidade a grandes nomes da escena actual.
A primeira cita será o xoves 19 de setembro ás 21.00 horas. Será coa obra Ni para ti ni para mí, dirixida por Juan Luís Iborra e protagonizada polas televisivas Belinda Washington e Miriam Díaz Aroca. Ambas interpretan dúas mulleres que se quedaron viúvas. No tanatorio, cando van recoller as cinzas, descobren que non só comparten a pena por perder ao seu marido, senón que, ademais, o defunto é o mesmo: estiveron casadas co mesmo home e só hai un quilo de cinzas a repartir entre as dúas.
O 10 de outubro ás 20.30 horas será a quenda de Els Joglars. A exitosa compañía catalá trae a Pontevedra o seu último espectáculo, a adaptación de El coloquio de los perros, unha das Novelas ejemplares de Miguel de Cervantes. Co seu peculiar estilo, Els Joglars analizarán a relación home-animal e a percepción recíproca que ambos teñen, e que adquire hoxe novos matices no mundo desenvolvido, conexións que poden alcanzar a miúdo unha complexidade sentimental similar aos vínculos entre humanos.
El veneno del teatro, con Miguel Ángel Solá e Daniel Freire chegará o 23 de outubro ás 20.30 horas. Ambientada no París do século XVIII, un famoso actor (Freire) é invitado por un marqués (Solá), famoso polas súas afeccións extravagantes, a visitalo no seu palacio. Alí recibirá o encargo de interpretar unha obra teatral sobre a morte de Sócrates, escrita polo propio marqués. Pronto comprobará que todo é unha trampa deste para sometelo a un cruel experimento sobre realidade, representación e morte. Está dirixida por Mario Gas.
Luisa Martín é a única protagonista de El show de Kafka, a montaxe que veremos o 10 de novembro ás 19.30 horas. Dá vida a un simio cazado na súa contorna natural e traído a Europa para empregalo, segundo as súas habilidades, nun music hall ou envialo a un parque zoolóxico. O seu proceso de domesticación foi tan extraordinario que fora de toda previsión acaba impresionando a toda a comunidade científica. Tras 5 anos, ademais de poder falar, tamén conseguiu adquirir a cultura dun europeo medio e narra todo o seu proceso de evolución.
Xa en decembro, o día 5 ás 20.30 horas, representarase ÿltima edición, unha obra interpretada por Charo López e Melani Olivares. Ambas son nai e filla, directora e redactora xefa dun xornal que se enfrontan á mantenta dunha reportaxe sobre un escándalo que afecta a un ministro e ao conselleiro delegado do xornal. En clave de comedia, prodúcese un axuste de contas vital e profesional entre as dúas, acompañadas por unha divertida becaria e polo sorprendente asesor do ministro, dando lugar a un enredo moi dinámico e divertido.
A última cita teatral do ano no Centro Social Novacaixagalicia será o 11 de decembro ás 21.00 horas coa obra El manual de la buena esposa, protagonizada por Mariola Fontes, Llum Barrera e Concha Delgado. Trátase dunha comedia que fala, fundamentalmente, sobre a muller española e os tempos que lle tocou vivir desde 1934 ata 1977. Pero tamén fala das relacións matrimoniais, a educación, o deporte, a invasión das suecas, a relixión, a censura, a radio, a sexualidade e ata dos coros e danzas.
As entradas para estas estas obras de teatro xa se poden adquirir a través de www.servinova.es ou da billeteira telefónica no 902.504.500.
Relacionadas:
-
Chega a Pontevedra a comedia sobre o mundo do xornalismo 'ÿltima edición'
Por Redacción |
-
Els Joglars regresa a Pontevedra con "El coloquio de los perros", o seu novo espectáculo teatral
Por Redacción |
-
'Eurozone' de Chévere e 'O método Gronholm' de Talía Teatro, apostas do Pazo da Cultura para outubro
Por Alejandro Espiño |