O alumnado de Belas Artes reflexiona en 21 fotografías sobre a orde sexual imposta
Por Redacción
A terceira edición da exposición 'Sen Moldes' reúne 21 fotografías nas que o alumnado da materia Técnicas fotográficas, do primeiro curso do grao en Belas Artes, reflexiona sobre a orde sexual imposta.
Poderá visitarse ata finais de curso nas cristaleiras do primeiro andar da facultade.
Coordinada pola profesora Mar Caldas e promovida coa colaboración da unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, esta exposición exhibiuse a finais de 2019 na biblioteca central do campus de Vigo e trasladouse en febreiro do pasado ano á biblioteca Rosalía de Castro do campus ourensán.
Nestas imaxes nas que 17 estudantes "quebran cos roles de xénero tradicionais, exploran sexualidades liberadas das normas e indagan nas identidades abertas e plurais", como sinala a súa coordinadora.
Esta exposición ten como punto de partida un traballo académico no que se convida ao alumnado a crear imaxes "que reflexionan sobre a orde sexual imposta, contrapoñéndolle visións críticas, anovadoras, creativas, diverxentes ou mesmo paradoxais".
Aldara Vázquez, Alexandre Rodríguez Blanco, Antía Encisa, Arianne Romero, Carlainsh, Clo, Chus Nimo, Lili Algo, Lorena Vázquez Cruz, Lucía González Fernández, Mente de Amuleto, Raquel Álvarez, Rubén Mascato, Tamara Goberna, Uxía González Fernández, Vilja Gunzelmann e Xoel Gómez López son os autores das imaxes.