Belas Artes transforma as súas vitrinas informativas nun mostrario de arte
Por Redacción
A Facultade de Belas Artes acolle unha exposición que baixo o título 'Que tes no teu casilleiro?' reúne nas vitrinas do recibidor do centro unha serie de obras de pequeno formato de doce estudantes.
Segundo informa o Diario da Universidade de Vigo (DUVI), esta mostra está impulsada polas bolseiras da Sala X, Andrea León e Cora Novoa. As obras foron seleccionadas de entre as propostas presentadas á convocatoria aberta polo espazo expositivo, que tiña como única limitación as dimensións das nove vitrinas e dous atrís.
Como explicaron Novoa e León en declaracións ao DUVI, o obxectivo desta proposta era dar a coñecer os traballos do alumnado e "mostrar quen somos". Neste senso, a exposición verase complementada pola edición dun catálogo, que se realizará no taller de risografía da facultade, a través dun sistema de impresión dixital de alta velocidade e calidade superior.
Desde este venres 30 de abril xa se poden ver as creacións de Uxía González, Andrea Mosquera, Andrea Torres, Conchi Garrido, Candela Conde, Carolina Bouza, Lara Cores, Daniel Selas, Eva Antelo, Nuria Oujo, Carla Gasparrini e José María Paniagua.
O vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o vicedecano de Calidade da Facultade, Javier Tudela, participaron, xunto ao grupo de artistas e as responsables da exposición, na inauguración dunha mostra que permite ver traballos "con distintos materiais e técnicas", que reúnen "moitas mensaxes e un punto de vista moi disruptivo", como salientaba Soto. Pola súa banda, Tudela puxo o acento en que se trata dun proxecto que "parte do alumnado" e dirixido tamén ao alumnado e destacou a importancia de dar tamén a coñecer o traballo que se realiza en Belas Artes "fóra da facultade".
Relacionadas:
-
A Sala X de Belas Artes será rebautizada co nome de Manuel Moldes
Por Alejandro Espiño |
-
O alumnado de Belas Artes reflexiona en 21 fotografías sobre a orde sexual imposta
Por Redacción |
-
'Campo de sementes', unha escolla de obras do profesorado máis novo e máis veterano de Belas Artes
Por Redacción |
-
Docentes e estudantes de Belas Artes emparéllanse en 'Carótides e coronarias'
Por Redacción |