Cancelada a mostra da camelia no Museo Manuel Torres de Marín
Por Redacción
Debido á situación sanitaria, a concelleira delegada para a Coordinación da actividade cultural e utilización de espazos públicos culturais de Marín, Itziar Álvarez, comunica que "a camelia non poderá encher este ano os corredores e salas do Museo Manuel Torres".
Na xornada deste venres, Itziar Álvarez reuníase coas organizadoras da mostra da camelia que todos os anos se celebra no Museo Municipal Manuel Torres, Cristina Barreiro e Mara Fariña, para abordar a súa cancelación debido ás circunstancias sanitarias.
Esta exposición acostumaba a congregar exemplares e presentacións moi vistosas de camelias que atraen a numeroso público. Ante a evolución da pandemia, dende o Concello de Marín estímase que é necesario limitar este tipo de actos.
Para manter vivo o espírito da mostra, as organizadoras informaron de que cara a finais de febreiro realizarán unha ornamentación especial no Palco da Música da Alameda, "sempre e cando a situación sanitaria o permita" coa camelia como protagonista.