A Conferencia Internacional José Saramago muda o campus de Pontevedra por Porto para facilitar o formato mixto
Por Redacción
A quinta edición da Conferencia Internacional José Saramago, que levará o título de 'Escrevo para compreender', desenvolverase os días 18, 19 e 21 de decembro.
As catro primeiras edicións celebráronse no campus de Pontevedra. Nesta ocasión, e para favorecer a participación mixta, tanto presencial como en formato online, a sede trasládase ao Museu Nacional da Imprensa (MNI) de Porto. Este organismo é co-organizador xunto coa Cátedra José Saramago (CJS) da Universidade de Vigo.
O Diario da Universidade de Vigo (DUVI) adianta que, mantendo o "espírito transdisciplinar, aberto e cosmopolita" que caracterizou as súas anteriores edicións, desde a Cátedra José Saramago infórmase que a Conferencia contará coa participación de investigadores de oito universidades portuguesas e nove brasileiras, así como de expertos de España, Polonia, Estados Unidos, Arxentina e Reino Unido, que abordarán a obra e o pensamento de Saramago desde as diferentes liñas temáticas que engloba este foro, "adaptadas ao presente contexto de crise global".
Serán preto de 40 expertos de sete países a través dos dez paneis que conforman o programa deste evento internacional que, debido á situación sanitaria, poderá seguirse a través de internet, aínda que terá como sede física o Museu Nacional da Imprensa.
Desta V Conferencia Internacional nacerá tamén unha colección de estudos adicados a afondar na obra e traxectoria do Nobel portugués a través dos artigos presentados nas conferencias. O primeiro volume, cuxo título provisional é 'Dificílimo É o Ato de Escrever. Ensaios Saramaguianos I', publicarase, segundo explican ao DUVI desde a Cátedra José Saramago, no verán de 2021.
Relacionadas:
-
A Cátedra Saramago une en Pontevedra a 16 entidades nunha rede de estudos galego-lusófonos
Por Oskar Viéitez |
-
Especialistas de oito países porán en relación a obra de Saramago cos "desafíos do noso tempo"
Por Redacción |
-
O campus pontevedrés, escenario da constitución da rede internacional de cátedras sobre José Saramago
Por Redacción |
-
A Casa das Campás enchoupase de José Saramago no 20 aniversario do seu Nobel
Por Redacción |