Especialistas de oito países porán en relación a obra de Saramago cos "desafíos do noso tempo"
Por Redacción
Investigadores de España, Portugal, Alemaña, Arxentina, Brasil, Israel, Italia, México e Portugal porán en relación a obra e o pensamento de José Saramago cos "desafíos do noso tempo", na cuarta edición das xornadas internacionais da cátedra que a Universidade de Vigo dedica ao escritor portugués.
Entre o vindeiro luns 2 de decembro e o mércores 4, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra será a sede das IV Xornadas Internacionais da Cátedra José Saramago, que porán o foco no labor do Nobel portugués "como activista político, como defensor incansable dos dereitos humanos, do ecoloxismo, da igualdade dos xéneros, das culturas minorizadas...", segundo explica o director da cátedra, o profesor Burghard Baltrusch.
Este evento servirá así mesmo de escenario para a presentación de Ricagal, a Rede Internacional de Cátedra Galego-Lusófonas que reúne as seis cátedras Saramago existentes no mundo, xunto con catro cátedras do Instituto Camões, dous grupos de investigación e outra serie de entidades.
Promovidas coa colaboración da Vicerreitoría do campus e baixo o título de Saramago e os desafíos do noso tempo, estas xornadas contarán coas intervencións de 26 investigadores de oito países nas súas catro mesas de debate e catro sesións de presentación de comunicacións.
Nese senso, entre os obxectivos das xornadas figura analizar, desde unha perspectiva multidisciplinar, como a obra de Saramago pode contribuír "en termos filosóficos, políticos, estéticos, poéticos e de recepción" á abordaxe de diferentes problemáticas sociais, poñendo en relación a súa obra e pensamento coa ecoloxía, coa "ética económica, a relación entre utopía e distopía ou o machismo e as relacións de poder", así como abordar o propio "lugar de Saramago na historia das ideas", sinalan os seus responsables.
TEATRO E CURTAMETRAXES
O programa das xornadas compleméntase, por outra banda, coa representación teatral, o luns ás 20.00 horas no IES Valle-Inclán, de "3991: paisaxe sen horizonte", un espectáculo creado por Vanesa Sotelo e Davide González e interpretado polo grupo EuExperimento, que ten como punto de partida o libro "O ano de 1993".
Ao día seguinte, a Vicerreitoría acollerá, ás 11.00 horas, a estrea das curtas "A Desforra" e "O Embargo", realizadas, a partir dos contos homónimos de Saramago, por alumnado da Facultade de Belas Artes.