O filme de Kirguistán Jymjyrt gaña o 6º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Por Redacción
O filme de Kirguistán Jymjyrt (Silencio) proclamouse este sábado gañador da sexta edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. O alcalde de Bueu, Félix Juncal, fíxolle entrega do galardón ao representante da cinta, Samagan Ibraev, quen protagonizou un dos momentos estelares da noite ao subir ao escenario ataviado co traxe tradicional kirguís e aproveitar o seu discurso para promocionar este país "montañoso e verde" fronteirizo con China, para acabar dando as grazas en galego.
Amais deste primeiro posto, dotado con 2.000 euros, a curta obtivo os premios á mellor dirección, fotografía e son.
O segundo premio do xurado, que ascende a 1.000 euros, entregoullo o ilustrador Marc Taeger, autor da imaxe gráfica do evento, ao director da produción luxemburguesa En dag am fräien (Un día no campo). "Sodes moi afortunados por ter aquí un festival de curtametraxes", díxolle Govinda Van Maele ao público congregado no Centro Social do Mar, pois no seu país carecen dun evento destas características.
O xigante foi nomeada mellor curtametraxe galega do FICBUEU2013, tal e como estaba previsto ao tratarse da única representación de Galicia na sección oficial. A produtora Chelo Loureiro e o compositor Nani García recibiron o galardón por parte do cineasta Xacio Baño, merecedor o pasado ano deste mesmo recoñecemento, que conta con 500 euros grazas ao patrocinio Fundación Novas.
Relacionadas:
-
Cineastas internacionais participarán na gala de clausura do festival de curtas de Bueu
Por Redacción |
-
Unhas 550 persoas ateigaron o arranque máis concorrido do Festival de Curtametraxes de Bueu
Por Redacción |
-
Unha cinta galega e catro internacionais abren o festival de curtas de Bueu
Por Redacción |