Vilagarcía suspende o ClasClás ata 2021 pola crise do coronavirus
Por Redacción
O ClasClás, o festival internacional de música clásica de Vilagarcía, non poderá celebrarse nas datas previstas, os primeiros dez días do mes de xullo. A actual crise sanitaria do coronavirus levou ao Concello de Vilagarcía a tomar a decisión de suspendelo.
A organización considera que a día de hoxe é imposible garantir que poidan viaxar ata Vilagarcía tanto mentores como novos artistas que proveñen de diferentes países de todo o mundo, tanto de Europa como de Asia ou América.
Desde o conservatorio traballan en alternativas para que encher doutro xeito ese espazo para a música clásica que tanto éxito tivo entre a cidadanía nas dúas primeiras edicións.
O goberno local, centrado agora en paliar as consecuencias sociais e económicas da pandemia, confía en poder retomar o ClasClás no 2021 como un dos seus principais referentes culturais.
O Concello de Vilagarcía xa comezou a remitir un comunicado a todos os sectores que forman parte do festival -participantes, empresas e colaboradores- no que, textualmente, se expresa que "o noso maior interese nestes momentos non pode ser outro que garantir a saúde e o benestar de todos os que formamos parte do festival".
"Desgraciadamente, as dificultades coas que nos atopamos impiden que podamos afrontar esta edición coas garantías suficientes", sinalan desde o goberno municipal, que esperamos que as circunstancias actuais remitan o máis axiña posible e que, nun futuro próximo, "podamos todos gozar da paixón que une as nosas vidas, a música".
Relacionadas:
-
O Concello de Vilagarcía planifica a súa volta á actividade de forma gradual a partir do luns próximo
Por Redacción |
-
Hostaleiros e comercios de alimentación vilagarcianos doan comida para persoas en risco
Por Oskar Viéitez |
-
O Arosa suspende o seu torneo internacional de fútbol base pola pandemia
Por Redacción |