A directora pontevedresa Marta Pazos prevé estrear 'Othello' en 2021 con Voadora
Por Redacción
Marta Pazos, directora teatral nada en Pontevedra, xa se atopa metida nun novo proxecto escénico, a pesar do confinamento. Nesta ocasión ten previsto que a súa compañía Voadora estree en 2021 a obra 'Othello', baseada na obra orixinal de William Shakespeare.
A compañía xa se atopa en proceso de preparación, realizando unha adaptación, a terceira que realizan do autor británico, que cualifican como "transgresora" e que tratará temas de actualidade como a violencia de xénero ou a posverdade.
A dirección da nova montaxe correrá a cargo de Marta Pazos que afirma que o espectáculo contará con moita "intencionalidade e que, tal e como é habitual no noso traballo, contará cun compoñente musical moi importante".
Desta forma, o 'Othello' de Voadora realizará unha nova interpretación da obra e ofrecerá unha perspectiva na que se dará especial relevancia aos personaxes femininos: Desdémona, Emilia e Bianca. Mentres que Othello e un dos grandes viláns creados por Shakespeare, Iago, terán un papel secundario no desenvolvemento desta versión.
Marta Pazos, finalista dos International Opera Awards coa ópera bufa Je suis narcissiste, tamén ten previsto outra estrea proximamente: 'Século meu, besta miña' no Centro Dramático Nacional.
VOADORA NO SOFÁ
A compañía galega, con motivo do estado de alarma, publicou na súa canle de Youtube unha lista de reprodución con varios espectáculos para que o público poida gozar de diferentes montaxes como 'Soño dunha noite de Verán' ou 'A Tempestade', de Shakespeare; 'Calypso', 'Don Xoan' ou 'Garage', unha coprodución co MA Scène Nationale de Montebeliard (Francia) sobre a actividade da muller na industria do automóbil e protagonizada por traballadoras do grupo PSA Peugeot-Citröen.
Relacionadas:
-
A pontevedresa Marta Pazos acada o María Casares á Mellor Escenografía e o arousán Josito Porto o de Mellor Actor Secundario
Por Redacción |
-
A pontevedresa Marta Pazos dirixirá a gala dos premios Mestre Mateo do audiovisual galego
Por Redacción |
-
Que hai que facer para sacar o mellor dun actor nun cásting?
Por Redacción |
-
Voadora rende a súa peculiar homenaxe a Shakespeare con "A tempestade", nova cita co ciclo Ponteatro
Por Alejandro Espiño |