Agosto comeza ao grande no Náutico de San Vicente do Mar: Coque Malla, María Rozalén e unha homenaxe a Antonio Vega
Por Redacción
Trala festa de San Funk e os concertos de Mastretta e Blue Perro, chega o mes de agosto ao Náutico de San Vicente do Mar (O Grove) e con el desprégase unha intensa programación de concertos. Multiplícase a actividade no local situado na praia da Barrosa con actuacións case todos os días. Toda unha cita ineludible para os amantes da boa música e un ambiente cun marco incomparable.
A programación para este mes de agosto arrinca este venres 2 de agosto co concerto de Coque Malla, un habitual no local. Faino esta vez para presentar o seu novo disco, Mujeres, no que interpreta as súas cancións máis coñecidas acompañado de artistas femininas da talla de Anni B Sweet, Ángela Molina, Alondra Bentley, Leonor Watling ou a mítica Jeanette. Nel reflexiona sobre unha das maiores obsesións do cantante: as mulleres.
Coque quixo trasladar o concepto do disco tamén á xíra, na que seguirá contando con colaboracións femininas, esta vez anónimas. Para iso puxo en marcha unha convocatoria a través das redes sociais, coa que o músico elixirá ás mellores cantantes da zona para invitalas a subirse con el ao escenario do Náutico de San Vicente do Mar. Promete momentos absolutamente máxicos entre as cantantes invitadas e o artista.
Ao día seguinte, sábado 3 de agosto, será a quenda de Trogloditas. Míticos, fieis ao rock and roll dos 80 e grandes amantes do directo, regresan aos escenarios para celebrar o seu trixésimo aniversario. E o domingo 4 de agosto, poderemos gozar dunha das grandes revelacións da música española, María Rozalén, que vén acompañada da voz e a guitarra de Paco Cifuentes.
Dúo a el Niño (5 de agosto), unha especie de performance na que ten cabida calquera tipo de expresión artística, e Lagniappe Brass Band (6 de agosto), unha consolidada banda de Nova Orleáns, dedicada a ofrecer a máis vibrante música da súa cultura, baixo coordenadas funky, a xente con ganas de bailar, tamén serán protagonistas nestes primeiros días de agosto.
HOMENAXE A ANTONIO VEGA
Durante catro días e de forma continuada, desde o mércores 7 ao sábado 10 de agosto, El Náutico fará un paréntesis na súa programación de concertos para acoller unha experiencia de intercambio e improvisación musical protagonizada por algúns dos máis reputados músicos da escena estatal.
Ricardo Marín, Anye Bao, Luismi Baladrón ou Toni Xurado, músicos que acompañan a artistas como Ariel Rot, Raimundo Amador, Manolo García ou Ana Belén, serán os encargados de substituír o equipo de música do local por unha imprevisible jam session de catro días da que se esperan algunhas das grandes sorpresas da tempada no escenario da Barrosa.
O evento, coñecido desde hai cinco anos como Laboratorio N, compartirá protagonismo o xoves 8 de agosto cun concerto homenaxe a Antonio Vega a cargo da súa propia banda. Clásicos como La chica de ayer, Lucha de gigantes o Se dejaba llevar por tí recordarán na Barrosa o legado dun dos máis importantes compositores do pop español.