Charles Walker, El Gran Wyoming, Mastretta e The Cornelius abrirán o verán no Náutico do Grove
Por Alejandro Espiño
Chega o mes de xullo e, de novo, o Náutico de San Vicente do Mar (O Grove) volve converterse no refuxio para os amantes da boa música. Poucos locais galegos teñen tanta actividade como este nos meses estivais. Os seus responsables ultiman unha ambiciosa programación que, como vén sendo habitual, estenderase desde principios de xullo ata ben entrado o mes de outubro.
Tralo pistoletazo de saída que supuxo a Festa de San Xoan, o Náutico prepárase para recibir a unha ampla variedade de propostas musicais nos próximos meses. Desde estrelas do funk estadounidenses como Charlie Walker & The Dynamites, grandes nomes do panorama indie español como Depedro ou León Benavente, artistas consagrados como Juan Perro ou Mastretta e músicos emerxentes como Rozalén ou Andrés Suárez.
Trátase tan só do primeiro avance dun cartel que se completará con próximas incorporaciones. Á espera de coñecelas, o escenario da Barrosa estrearano, este mesmo sábado 6 de xullo, os galegos The Cornelius. Os arousanos estrean o seu terceiro disco, Walking in Circles, un traballo moi esperado e que lles levará, a partir do outono, a emprender a súa primeira xira por Europa.
A substitución collerano o venres 12 de xullo os madrileños ÿltima Experiencia, unha banda de rock que recupera os sons das décadas dos 60 e 70. Un día máis tarde, o sábado 13 de xullo, regresará ao Náutico El Gran Wyoming, apenas un par de meses da súa última visita. O showman madrileño chegará acompañado da súa banda Los Insolventes. Música rock de todas as épocas nun espectáculo único e moi particular.
A falta de coñecer o concerto que terá lugar o 19 de xullo, a única data libre que queda na programación deste mes, o seguinte en pasar por San Vicente do Mar será Javier Rojas e o seu grupo El tío Calambres. Actuará o sábado 20 de xullo. E unha semana máis tarde, o 27 de xullo, os protagonistas serán os madrileños Blue Perro, que compatirán escenario cos sons bailables e mestizos de Mastretta.
Pero, sen dúbida, o gran atractivo da programación musical do Náutico de San Vicente do Mar está programado para a noite do 24 de xullo. Será a festa de San Funk. Unha aposta por revivir a noite máxica de arranque de verán cunha das mellores bandas de funk de Estados Unidos, Charles Walker & The Dynamites, unha banda sorpresa e dúas sesións a cargo de Charlie Fáber (Satelitrés, Radio 3) e Marcos Boricua (A Boca do Lobo, Guassagroove).
Para agosto, a falta de completar o cartel, o Náutico recibirá a Rozalén, autora do exitoso 80 veces (4 de agosto), os estadounidenses Lagniappe Brass Band (6 de agosto), o cantautor galego Andrés Suárez (12 e 13 de agosto), León Benavente (14 de agosto), Juan Perro (17 de agosto), Depedro (23 de agosto) ou o funk de Freedonia (24 de agosto) e Cosmosoul (31 de agosto).
Concertos todos eles que, sumados aos que faltan por pecharse, volverán converter ao Náutico de San Vicente do Mar en visita obrigada este verán para os amantes da boa música en directo.