Gustavo Almeida e Marful porán ritmo ás Ruínas de Santo Domingo
Por Redacción
Os días 2 e 3 de agosto as Ruínas de Santo Domingo acollerán o ciclo de música Noites de agosto nas Ruínas con concertos de Gustavo Almeida e de Marful.
O venres 2 actuará o cantante e compositor brasileiro Gustavo Almeida que chegou a España como futbolista fichado polo Celta de Vigo pero que cambiou o estadio polo escenario. Na súa discografía conta con dúas auto-producións: Por se me escoitan (2005) e Cabana (2008).
O sábado 3, as Ruínas de Santo Domingo acollerán ao grupo Marful que, na última década, se converteu nunha das bandas máis recoñecidas da música galega coa voz persoal da súa cantante Ugia Pedreira. Marful combina ritmos bailables americanos e europeos pasando do pasodoble ao twist. Actualmente, preparan o seu terceiro traballo discográfico e en Pontevedra ofrecerán un concerto íntimo e semiacústico.
Os recitais, organizados pola Deputación Provincial, comezarán ás 22:00 horas e a entrada será libre ata completar o aforamento.