Alumnado do campus de Pontevedra estrea a webserie @Destapando_Casares
Por Redacción
Na ficticia Universidade Carlos Casares aparece unha conta de Instagram que ameaza con desvelar unha serie de segredos, creando un clima de incerteza. É o punto de partida da webserie @Destapando_Casares, creada por un grupo de estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Foi o seu proxecto dentro do taller Celanova, plató de ficción, que na súa décima edición centrouse por vez primeira no universo transmedia.
Esta produción, que desde este mes de xaneiro atópase xa dispoñible na rede, foi rodada o pasado mes de xuño no edificio xurídico-empresarial do campus de Ourense.
Co estudante Ricardo Araújo como director e guionista, a webserie contou cun equipo de dezaseis persoas e coa participación de actores consagrados como Xavier Estévez, Guillermo Carbajo, Ánxela Ríos, Laura Calvo, Inés Silva, Raquel Fernández e Artur Abad, que traballaron en series como Serramoura, Matalobos ou El final del camino.
A trama relatada nos seus cinco capítulos, nos que uns personaxes tratan de saber quen é o responsable desa conta de Instagram vese complementada pola creación da propia conta @DestapandoCasares, en torno á que xira a trama e na que se contan diferentes segredos que non se coñecen vendo só a serie.
O proxecto, que constitúe tamén o seu traballo de fin de grao, complétase cos contidos creados para Ivoox, que presentan os personaxes no que sería como o programa de radio desta universidade e para Spotify, onde se reúne a música que escoita cada personaxe, así como coa web e o perfil de Facebook que recollen as novas desta universidade ficticia.