Así e "Interfecto", a webserie que grava un grupo de alumnos do campus de Pontevedra
Por Redacción
Unha historia de suspense e intriga que amosará os espazos, a arte, as historias e as lendas da vila de Celanova, o lugar elixido para a súa rodaxe. ÿ o punto de partida de Interfecto, a webserie na que está a traballar un grupo de catorce alumnos do grao en Comunicación Audiovisual do campus de Pontevedra. A rodaxe comezará este mesmo luns na localidade ourensá. Os seus tres capítulos, de dez minutos cada un, gravaranse en apenas cinco días.
Biby Jacob, Paola Carballo, Iago Souto, Pablo Dapena, Tahía Pérez, Lucía Estévez, Bernabé Carrillo, Nerea Sarmiento, José Luis López, María Comesaña, Diego Varela, Alberto Vázquez, Raisa Abal e Laura Pintos son os estudantes que participan na creación de Interfecto. Catro deles foron os responsables de idear a trama e confeccionar o guión da serie partindo de dous requisitos, que fose unha historia de suspense e que contase con cinco personaxes.
Este proxecto, coordinado polo profesor Paulino Pérez, continúa a senda trazada o ano anterior por Fame, unha webserie nacida tamén no seo desta actividade, que busca introducir ao estudantado do campus de Pontevedra no contexto dunha produción audiovisual profesional.
O traballo previo para dar forma aos tres capítulos comezou hai meses na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación coa selección dos grupos de traballo e a elaboración do guión. Nas últimas semanas os alumnos que conforman o equipo de Interfecto realizaron varias visitas a Celanova para definir as localizacións deste traballo e levaron a cabo na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo o casting no que se seleccionaron aos cinco protagonistas.
Trala gravación da webserie, comenzará un traballo de montaxe e posprodución que resultará igual de intenso, posto que o primeiro capítulo da serie ten que estar listo para a súa estrea o 15 de xullo na primeira sesión do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova. Nas dúas xornadas seguintes proxectaranse neste curso de extensión universitaria os dous episodios restantes, que, de xeito simultáneo, serán presentados tamén en UVigo-TV.
Aos responsables desta serie tocaralles "traballar contra o reloxo", como recoñece Pérez, que incide en que o obxectivo central deste taller "non é tanto lograr un bo resultado, que tamén, como que os alumnos collan rutinas profesionais". De aí que o seu papel neste obradoiro non sexa tanto o de docente como o de produtor executivo dunha webserie que conta cun plan de rodaxe e cun orzamento pechado grazas á colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais, do Concello de Celanova, da Fundación Carlos Casares e da propia Universidade.