Amplíase o prazo para visitar a exposición de Ramón Conde no espazo Nemonon ante a súa boa acollida
Por Anxo Lourido
O espazo Nemonon decidiu ampliar ata o venres 17 de xaneiro os días de visita á exposición 'Unha mirada entre a e b' do escultor ourensán Ramón Conde na sala situada en Vila Pilar, na rúa Riestra, ante o numeroso público que se achegou para ver esas figuras robustas e calvas, que se mostran en diferentes formas e que fan un repaso sobre a actividade creativa deste artista.
O autor visitaba este martes as instalacións onde xa vendeu unha das pezas exposta, a titulada 'Determinación', taxada en 7.000 euros. Os traballos espállanse polos distintos puntos do local, mesmo dúas figuras fan presenza nos baños de Nemonon.
O autor sinala que é unha continuidade dunha realizada hai anos para ver a evolución das súas obras. Trátase dunha mostra recomplilatoria con obras como 'Amor de pai' e está elaborada en relación co deseño da sala. É máis intimista que outras exposicións de Conde, segundo explica o propio artista. Indica que é como o mundo dos soños, mostrando as súas inquedanzas recollidoa da reflexión, con figuras obesas relacionadas con montañas idealizadas; con outras pezas de carácter máis superficial e un terceiro apartado que ofrece unha loita entre eses dous mundos.
Ademais tamén se recollen debuxos, que non son bosquexos de esculturas, senón que narran historias propias, cunha inmersión en túneles que conducen a un final.
A arte debe dirixirse ás emocións, afirma Ramón Conde, a través dun cerebro emotivo que reflicte vivencias e emocións sobre esa realidade. Hai figuras masculinas e outras que ofrecen ambigüidade, que nalgúns casos se poderían definir como mulleres e outras como seres neutros. Tamén existe ambigüidade sobre a idade e sobre os seus aspectos emocionais das pezas. Xoga con esas imaxes do subconsciente como sucede cos soños nos que non se definen as imaxes con exactitude.
Tres esculturas de homes espidos que se amosan no balcón do edificio funcionan como reclamo para os paseantes. Unha delas ten os trazos característicos da figura do propio escultor. A Conde gústalle que se mostren fóra da sala de exposicións porque ten "un punto de provocación", igual que sucede con 'O fiel contraste', situada detrás do edificio do Concello ou coa polémica obra da Gran Vía de Vigo, 'Os redeiros', que está previsto que se traslade a García Barbón. Un cambio que ao autor non lle gusta porque foi pensada para o espazo que ocupa actualmente.