Volven as visitas teatralizadas ao Centro Histórico da mán de Migallas
Por Redacción
A compañía pontevedresa Migallas Teatro, a Concellería de Promoción Económica e Turismo e o Centro Comercial Urbano Zona Monumental (CCUZM) ofrecerán durante este verán visitas teatralizadas ao Centro Histórico.
A actividade foi presentada este luns pola concelleira, Carlota Román, acompañada do representante de Migallas, Carlos Yus, e describiu a iniciativa como unha divertida viaxe pola historia real e imaxinaria da Pontevedra medieval e renacentista, coa compaña de personaxes doutra época prestos a descubrir os segredos máis ocultos da cidade. Ao acto acudiu tamén o presidente do CCUZM, Miguel Lago.
Carlota Román describiu esta oferta como un xeito divertido de achegarse á historia de Pontevedra, unha cidade na que moitas das súas prazas e recunchos son, de por si, un escenario teatral. Enxalzou a elección do horario nocturno, que coincide na franxa horaria na que os pontevedreses saímos a gozar da nosa cidade. Carlos Yus falou dun produto turístico e complementario e, de feito, indicou que aos visitantes se lles anima a que pernocten en Pontevedra e participen ao día seguinte nas visitas guiadas tradicionais.
Serán un total de 10 visitas, que comezan este próximo xoves en horario de 22.00 a 23.30 horas. O calendario cobre as xornadas dos días 18, 19, 20, 24, 26, 27, 30 e 31 deste mes de xullo e os días 1e 2 de agosto. Un xeito distinto e alternativo de coñecer o Centro Histórico e cun enfoque moi distinto ás visitas guiadas que se realizan durante o día. As visitas realizaranse en castelán, pois están dirixidas principalmente a persoas de fóra de Galicia.
A saída está prevista dende detrás da Casa do Concello e o prezo por persoa é de 5 euros. A actividade está prevista para todas as idades.
A venda de entradas realizarase, por orde de chegada, o mesmo día da visita desde as 21.30 horas ata a hora de saída no mesmo punto de inicio da ruta, detrás da Casa do Concello. Pódense reservar para calquera día durante os días anteriores á visita e, o mesmo día da visita, ata 4 horas antes do comezo desta, é dicir, ata as 18.00 horas, a través da páxina web www.migallas.com.
O número máximo de participantes en cada visita é de 100 persoas. Destas 100 entradas, 60 pódense reservar con antelación, pero terán que adquirirse igualmente no lugar sinalado, entre as 21.15 horas e as 21.45 horas. As outras 40 venderanse por orde de chegada a partir das 21.30 horas. As entradas reservadas que non se adquiran antes das 21.45 horas serán postas á venda.