Cerdedo-Cotobade pecha os actos das Letras Galegas con 'A Galicia insólita', homenaxe a Antonio Fraguas
Por Redacción
Este sábado 14, o Concello de Cerdedo-Cotobade pechará o programa das Letras Galegas 2019 dedicado a Antonio Fraguas, fillo predilecto do municipio. Será co espectáculo 'A Galicia insólita. Tan lonxe e tan preto' baseada en textos do homenaxeado e que se poderá ver no auditorio de Cerdedo a partir das 19.00 horas con entrada libre ata completar aforo.
A agrupación folclórica Os de Algures produce este espectáculo no que participan máis de oitenta persoas entre bailaríns, intérpretes e músicos. A obra, estreada no Teatro Principal de Pontevedra, conta as aventuras dun gaiteiro e dun tamborilero na súa viaxe a Santo André de Teixido.
A montaxe ofrece escenas coa presenza da Santa Compaña e diversas tradicións recollidas na obra de Antonio Fraguas dentro dunha posta en escena moi espectacular na que interveñen as persoas integrantes da Aula de Teatro Municipal de Pontevedra, o Coro Vinderel ou a cantante Begoña Lorenzo.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade Jorge Cubela destacaba este martes este espectáculo como un " luxazo de obra teatral" coa que se destaca a Fraguas como un dos pais do estudo da etnografía galega.