‘Taxi Teherán’, este luns no Cineclube de Pontevedra
Por Enrique Morales
Continúa a programación do Cineclube de Pontevedra para o mes de novembro, dedicada ás figuras dos cineastas Jafar Panahi e Akira Kurosawa. O primeiro será o protagonista da sesión deste luns 11, na que se proxectará a súa docuficción 'Taxi Teherán'.
O horario e lugar serán os habituais, comezando ás 20.30 no Teatro Principal unha sesión que terá por prezo de entrada os dous euros e que se realizará en versión orixinal con subtítulos.
'Taxi Teherán' propón un retrato da capital iraní non tanto a través da súa xeografía ou as súas rúas, senon a través dos seus cidadáns. O director Jafar Panahi é tamén o condutor do vehículo que da nome a cinta, ao que se suben persoas de todos os perfís sociais e ideolóxicos, trazando un mapa emocional a través dos seus clientes, interpretados por actores non profesionais.
Trátase da terceira película que os director iraní realizou dentro da prohibición de vinte anos de execer os seu oficio que lle foi imposta polo goberno do seu país. A pesar diso, a cinta fíxose co Oso de Ouro e o Premio FIPRESCI, concedido pola prensa internacional, no Festival de Berlín en 2015.
Ficha
Título: 'Taxi Teherán' (Taxi)
Director: Jafar Panahi
Ano: 2015
País: Irán
Duración: 82 min.
Idioma: Iraní