‘Los Angeles Plays Itself’, un reflexo da meca do cine, este luns no Cineclube
Por Enrique Morales
Os luns de filmoteca volven á capital da man do Cineclube de Pontevedra coa proxección de ‘Los Angeles Plays Itself’, o documental de Thom Andersen sobre a cidade na que se encontra a meca do cine. Como acostuma, será no Teatro Principal ás 20.30 horas cunha entrada de dous euros. O filme proxectarase en versión orixinal en inglés con subtítulos.
A cidade californiana de Los Angeles é a segunda máis poboada dos Estados Unidos, pero a pesar diso persiste no imaxinario colectivo como un sinónimo de Hollywood, un dos seus barrios onde se concentra boa parte da industria da televisión e do cine. Andersen explora a partir de fragmentos doutras películas o modo en que a cidade se amosou ao longo da historia do cine, perfilando unha cartografía particular que trocou a visión que o mundo ten dela. Un ensaio que lle valía en 2003 o galardón ao mellor documental no Festival Internacional de Vancouver.
Ficha
Director: Thom Andersen
Ano: 2003
País: Estados Unidos
Duración: 169 min.
Versión Orixinal: Inglés