Igloo: "A etiqueta 'indie' está superada. Hai xente que vende máis e ten máis caché que moitas bandas importantes"
Por Alejandro Espiño
"Vai ser un concerto moi especial", explica Beni Ferreiro, cantante de Igloo, a PontevedraViva nada máis comezar a entrevista. "Imos apostar por un set máis eléctrico, con toques electrónicos incluso, para facer un concerto máis de baile". De que concerto fala? Do que a banda de Caldas de Reis dará este venres 21 de xuño, ás 22.00 horas, na Sala Karma. "ÿ a nosa sala fetiche. Cada vez que iniciamos xira tocamos alí".
Afianzados no panorama musical español, presentan en Pontevedra o seu cuarto disco, El conjunto vacío (Ernie Records, 2013), recentemente saído ao mercado. Fano coincidindo coa celebración do Día da Música. E cunha oferta irresistible. A entrada para o concerto será gratuita e se pagas cinco euros, levas o disco. "Decidímolo así porque queremos que veña moita xente. Estamos á beira de casa e quixemos darnos o capricho".
A primeira pregunta é case obrigada. Pasaron dous anos desde que editáchedes o voso anterior disco, Infinito 3. Que estivéchedes facendo todo este tempo?
Aínda que pareza o contrario, non paramos. Para sacar un disco novo, compaxinándoo cos nosos traballos, hai que empezar a preparalo máis de dous anos antes porque se non nos volveriamos tolos. O noso ciclo adoita ser sacar un disco ao mercado, presentalo en directo con concertos por todo o país durante un ano e volverse a pecharse no estudo a gravar. E este disco que agora presentamos foi o que máis tempo nos tivo no estudo, oito meses.
E por suposto, dedicamos tempo a outras cousas. Cada un de nós gozou do seu tempo libre como quixo: viaxes, cine, libros... Aínda que a música seguiu estando sempre moi presente. Tocamos con outras formacións, eu probei con acústicos en solitario... todo iso, repito, traballando ao mesmo tempo cada un no seu, porque só uns cantos escollidos teñen o privilexio de vivir da música.
Presentades El conjunto vacío, o voso cuarto disco. Un traballo no que apostáchedes pola innovación en canto ao formato. Un disco dobre que coñeceremos en dúas entregas. Por que decidíchedes facelo así?
"Moitas bandas optaron por editar un EP cada certo tempo, pero nós decidímonos por un disco dobre en dúas entregas"
Queriamos probar un formato diferente neste disco. Cada vez máis a música consómese moi rápido. Hai demasiada inmediatez e o percorrido é máis curto. Corres o risco de desaparecer pronto porque o público recibe demasiada información. Todos pensamos en fórmulas para editar material novo continuamente. Moitas bandas optaron por editar un EP cada certo tempo, pero nós decidímonos por un disco dobre en dúas entregas. O seguinte estará composto por caras B, rarezas e cancións que quedaron a medio traballar ou que non encaixaban no sentido do disco. Sacarémolo o ano que vén.
Centrémonos pois nesta primeira parte, que é a que podemos escoitar xa. Apréciase certa evolución no voso son, como surxiu a liña que seguides neste traballo?
ÿ a primeira vez que non nos comemos moito a cabeza á hora de decidir cara a onde tirabamos. Tiñamos moi claro que o camiño a seguir é o que comezáramos nos traballos anteriores. Queriamos avanzar no son alcanzado no último disco. Non buscabamos nada en concreto, simplemente facer o que tiñamos en mente. Foi moi cómodo chegar ao estudo e poñernos a tocar e a experimentar. Tanto é así que acabamos con eses dous discos diferentes. Foi un proceso máis natural que nunca.
Moitos críticos aseguran que é un disco máis escuro que os anteriores. Estás de acordo con esa apreciación?
Pode ser que a xente pense iso pola sonoridade do disco, é máis escuro no seu son. Somos unha banda moi influenciada por xente como The Cure ou Radiohead e iso vaiche marcando. Soa máis escuro, pero a maioría das letras son moi luminosas. ÿ como dicir pasei por moitas dúbidas, estaba nun momento tétrico, pero agora vou empezar de novo. Describiríao como un optimismo entre tebras, que está ben tendo en conta de onde somos e a época que vivimos (ri).
E para iso en que vos inspiráchedes?
"ÿ a primeira vez que nos paramos con temas que nos afectan tanto como a crise. Está calando moi fondo na nosa xeración"
Antes baseabámonos máis nas nosas propias experiencias. ÿ a primeira vez que nos paramos con temas que nos afectan tanto como a crise. Creo que é algo que está calando moi fondo na nosa xeración. Aí están cancións como La máquina de fabricar relámpagos e Halloween vs Samaín, que analizan o que nos rodea. A verdade é que foron temas que fluíron moi rápido. Como Hada, que está baseado nun relato de Edgar Allan Poe que me calou moito; Sinatra, que trata sobre a fugacidade da vida ou Todos los días amanece, que é dos temas, xunto coa súa letra, máis redondos que escribimos xamais.
Igloo non só presenta novo disco, senón tamén nova formación. Como afrontou o grupo a saída e entrada de novos músicos?
Por desgraza é algo que nos pasa a todos os grupos. Hai xente que se vai porque comezan un novo ciclo de vida e a música pode ser pouco compatible co traballo, cos fillos... E logo hai xente á que a ilusión pola música dúralle menos e este é un mundo que ten que apaixonarche moito. En todo caso, Igloo enriqueceuse con toda a xente que está e estivo na banda. De todos eles quedou unha parte que segue presente no noso son. E os que chegaron agora tamén nos aportaron moito.
Para El conjunto vacío contáchedes tamén coa colaboración de numerosos amigos. Como xurdiron estas achegas?
Foi reunirse con amigos, con xente doutras bandas que vas coñecendo cos anos, xente á que admiras como Neuman, the Vog ou Yani Como e cos que intercambias cousas continuamente. Moitas veces sae a idea ata estando nun festival ou tocando xuntos e vaste pasando bocetos. No fondo todos temos a mesmo xeito de pensar e gústannos cousas similares e por suposto, a música. Iso é o que nos une. Cada colaboración foi un proceso diferente e especial.
Foi en todo caso un proceso creativo que quixestes controlar de principio a fin. Por que este cambio?
No disco anterior contamos con Iago Lorenzo que é o productor por excelencia en Galicia, leva a xente como Colectivo Oruga ou Holywater. Pero tiñamos ganas de facer algo máis persoal, máis íntimo. Ao facelo con marxe de tempo, podiámonolo permitir. Ademais queriamos reducir custos. Non podiamos permitirnos un estudo grande onde nos cobrasen 600 euros por día. Así que o gravamos en Caldas de Reis, nun sitio un pouco máis modesto, pero sen afectar ao son. O resultado gustounos desde a primeira maqueta.
Comezades a presentar o disco coincidindo co inicio da tempada de festivais. Tedes pechada xa algunha data que vos ilusiona especialmente?
Pois a verdade é que si. Non nos podemos queixar porque sacamos o disco un pouco tarde e os festivais pechan o seu cartel moi pronto. Aínda así hai cousas. O PopUp de Razo (A Coruña) é moi importante para nós e tamén nos fai moita ilusión o concerto que temos con Eladio y los Seres Queridos en Vilagarcía. Pero se teño que escoller un, sen dúbida, ese é o Sonorama, en Aranda de Duero.
Tocamos alí o ano pasado por primeira vez. Levaban chamándonos varios anos e nunca puidemos ir. Quedaron encantados connosco e quixeron que repetísemos este ano. Nós non sabiamos se teriamos disco novo para entón. Cando saíu o disco, aos dous días xa nos chamaron. Fomos dos últimos grupos confirmados. ÿ un festival diferente aos demais, tocas na praza do pobo ante 16.000 persoas. ÿ moi especial.
Vaivos bastante ben, entón, a pesar do momento delicado que vive a música...
"Cando imos tocar a unha sala e hai pouca xente, sábenos peor por eles que por nós. Xóganse o seu diñeiro"
O panorama é terrible. En Galicia perdeuse moito. Apenas hai axudas aos festivais, que son os que permiten que grupos como o noso déanse a coñecer. Nós que somos de Caldas de Reis, como entenderás, sentimos moito que se deixase de facer o Cultura Quente. Era un dos festivais punteiros de Galicia. E coas salas pasa o mesmo. Cada vez vai menos xente.
Nós admiramos moito a todas esas persoas que case non lles compensa programar concertos. Cando imos tocar a unha desas salas e hai pouca xente, sábenos peor por eles que por nós. E non só nos pasa aos grupos 'indie'. De feito creo que esa etiqueta xa está superada. Dentro desa clasificación hai xente que vende máis e ten máis caché que moitas das denominadas bandas importantes.
Vós a promoción traballádela moito, especialmente pola Internet. Credes que é unha ferramenta importante para grupos como o voso?
Somos de estar en todas as plataformas posibles aínda que algunhas as abandonamos porque ao evolucionar Internet quedáronse desfasadas, por exemplo Myspace. Apostamos por iso para chegar ao maior número de xente posible. Mira, cóntoche unha anécdota. Na edición deste disco incluímos unhas pegatinas coa portada e a contraportada. Animamos á xente a que as pegase por aí e colgase as súas fotos. Tivemos unha moi boa acollida. Onte chegounos unha foto de tres mozas xaponesas que nos fixo unha especial ilusión. Con Internet tes acceso a calquera país. Quen pretenda vivir de costas a iso irá por moi mal camiño.
Cales son os plans máis inmediatos de Igloo?
Nada máis saír o disco ao mercado comezamos coa promoción. Agora o que nos queda é subirnos á furgoneta e ir dun lado para o outro. Primeiro tocaremos en pequenas salas en Galicia, Madrid e Barcelona. Logo temos dous ou tres meses de festivais e en outubro empezaremos unha xira polo resto do país, na que volveremos tamén a Galicia. E sen darnos conta plantarémonos no inverno de 2014, data na que sacaremos a segunda parte de El conjunto vacío e volta a empezar. Respiraremos un pouco e empezaremos a preparar o seguinte disco.