Bárbara Grandío, Rober Bodegas e Alberto Casado protagonizan "Ex", o novo videoclip de Igloo
Por Alejandro Espiño
Igloo quenta motores para o lanzamento do seu novo disco. A banda liderada por Beni Ferreiro está a ultimar a gravación e edición do que será o sexto disco da súa traxectoria. Chamarase øø2 e sairá ao mercado nos próximos meses. Pero antes de que poidamos telo entre as mans, os de Caldas de Reis quixeron mostrar un pequeno aperitivo en forma de videoclip.
Trátase da presentación de Ex, unha das cancións que formarán parte deste novo disco. O video, gravado en Madrid por Xabier Guimarey e Javier Hernán, conta con catro caras moi coñecidas para o público.
A actriz Bárbara Grandío e os cómicos Alberto Casado, José Lozano e Rober Bodegas -que xa coincidiron traballando xuntos no programa Sé lo que hicísteis- dan vida aos catro protagonistas do videoclip desta canción, que nos conta como as relacións entre ex parellas poden ser un "xogo divertido".
Unha estética dos anos oitenta que nos transporta a unha xeración que seguimos querendo recordar os nosos mellores anos e trasladalos a unha actualidade caótica. Sarcasmo en estado puro a xeito de xogos de mesa.