Ángel Paz presenta o rock feminista de 'Rostros invisibles' ante o público pontevedrés
Por Marisa Ciordia & Mónica Patxot
Ángel Paz sobe este venres 24 de maio ao escenario para presentar ao público pontevedrés o seu primeiro traballo en solitario, 'Rostros Invisibles'. Un proxecto que leva o selo de rock feminista. Rock, porque é o terreo que lle gusta. Feminista porque é unha chamada a voz alzada (a de Rodrigo Valiente) á denuncia da violencia física e psíquica exercida sobre as mulleres.
Non foi ao xenérico, baixou ata as páxinas do libro 'Invisibles' de Montse Fajardo para compoñer as cancións. Elas, ademais da súa nai ou a súa avoa, son as mulleres que deron forma ás letras. Desta forma emprega “a música, o rock con valores de concienciación social”, dixo na presentación que tivo lugar no CITA este pasado xoves.
A xornalista arousá sinalaba que "me segue parecendo sorprendente que outras persoas, outros creadores, queiran levar o libro e as súas historias ao seu terreo, contalo á súa maneira". Tampouco faltou a actriz pontevedresa Beatriz Campos, quen protagoniza o vídeo promocional deste proxecto, así como a concelleira da área de Muller, Carmen Fouces e a do Rural, Pilar Comesaña.
Ángel Paz non é un afeccionado, é diplomado en Maxisterio Musical; foi o primeiro alumno en obter o Diploma Profesional en Rock e Música Moderna, é Máster en Musicología Aplicada e graduado 'Summa Cum Laude' no Berklee College of Music, en Boston.
A Sala Karma é o lugar onde se ofrecerá este primeiro concerto de presentación a partir das 22.00 horas.