Solidariedade coa Asociación contra o Cancro a través de Castelao
Por Anxo Lourido
Miguel López, director de 'Castelao. De chumbo a verba', perdía a unha irmá en setembro de 2018 debido a un cancro. Nos momentos máis duros, dúas voluntarias da Asociación Española contra o Cancro (AECC) achegáronse polo centro hospitalario para ofrecer o seu apoio psicolóxico aos familiares.
A partir desta situación, Miguel López pensou en como recompensar esa axuda e propuxo proxectar de maneira solidaria o seu documental sobre a relación entre Alfonso R. Castelao coa cidade de Pontevedra.
Este martes presentábase no Concello coa presenza da concelleira de Benestar Social, Anxos Riveiro; da presidenta da xunta provincial da AECC, Josefa Crespo, e de Miguel López este acto solidario consistente na exhibición de 'Castelao. De chumbo a verba' o vindeiro venres 8 de febreiro a partir das 20.30 horas no Teatro Principal.
Para acceder ao recinto só é necesario aportar un donativo económico, que irá destinado ás múltiples actividades que desenvolve a AECC tanto con pacientes como con familiares. Josefa Crespo explicaba que desde este colectivo se financian, entre outras iniciativas, proxectos de investigación para mellorar o diagnóstico e o tratamento do cancro, préstanse materiais ou se ofrecen diversos cursos de logopedia ou de tratamento psicolóxico para facer fronte á enfermidade.
O documental 'Castelao. De chumbo a verba' foi estreado tamén no Teatro Principal en maio de 2017. Neste traballo cinematográfico cóntase, a través dun neno, a profunda relación que o intelectual de Rianxo mantivo coa cidade do Lérez. O film, de 48 minutos de duración, está interpretado por Miguel Pernas no papel de Castelao, Iago Novoa, Uxía Blanco e Yolanda Vázquez.