Enfocadas, catro mulleres tras as cámaras que reivindican o seu papel no fotoxornalismo
Por Alejandro Espiño
Catro mulleres fotoxornalistas de Pontevedra, Mónica Patxot, Cristina Saiz, Beatriz Ciscar e Alba Sotelo, son as protagonistas da mostra Enfocadas, que se pode visitar no Centro de Interpretación das Torres Arzobispais (CITA) ata o 9 de decembro.
Todas elas, vencelladas aos medios de comunicación -as catro traballan ou colaboraron con PontevedraViva- e institucións da cidade, achegan nesta mostra a súa visión da actualidade ao tempo que reivindican o papel da muller na fotografía.
Na inauguración, Mónica Patxot destacou que o traballo que mostra cada una das catro autoras é "diferente". No seu caso, explica que gústalle o fotoxornalismo porque "me permite contar historias y conocer gente diferente" e defendeu que as mulleres "somos capaces de hacer cualquier cousa".
Cristina Saiz asegurou que "me costó elegir solo cinco fotos" e subliñou que, nunha carreira que acaba de comezar, o seu traballo profesional xa lle permitiu vivir momentos de "mucha adrenalina" como retratar unha das vagas de incendios que asolou Galicia.
A exposición "deixa claro o papel da muller", segundo Beatriz Ciscar, que asegurou que "son máis de facer fotos que de falar"; mentres que Alba Sotelo recoñeceu buscar darlle un "enfoque de muller" ás imaxes que elixiu para a mostra, na que destaca unha afectada das preferentes ou a súa avoa, "unha figura a revindicar para min".
Pola súa banda, a concelleira de Dinamización sociocultural, Carme da Silva, destacou que esta mostra, ademais de poñer o acento no fotoxornalismo de mirada feminina, busca "reivindicar o que fan", nun momento no que "parece que os móbiles e os selfies poden substituir o traballo que fan", algo que engadiu "non é así".
Esta exposición forma parte de enfocA, un encontro fotográfico no que terán cabida dende esta mostra de mulleres fotoxornalistas, ata conversas con profesionais da imaxe, un roteiro, un obradoiro infantil e unha quedada nocturna para fotografar a cidade.