Catro fotoxornalistas protagonizarán a mostra 'Enfocadas, 4 olladas da actualidade'
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
As fotoxornalistas Mónica Patxot, Cristina Saiz, Beatriz Ciscar e Alba Sotelo, con ampla experiencia en medios de comunicación, escolleron seis imaxes cada unha para mostrar a súa perspectiva da realidade nunha exposición que, baixo o título de 'Enfocadas', poderase visitar a partir do 23 de novembro ata o 9 de decembro no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA).
Esta actividade inclúese dentro do evento ENFOCA-Encontro fotográfico, que este xoves era presentado pola concelleira de Dinamización Sociocultural, Carme da Silva e tres das fotoxornalistas que participan na mostra. Beatriz Ciscar alertaba da enorme desigualdade que existe no sector audiovisual onde segue rexistrándose un baixo número de fotógrafas nos cadros de persoal. Con 'Enfocadas' quérese visibilizar a presenza da muller no mundo da imaxe.
O encontro fotográfico que propón Enfoca tamén ofrecerá un diálogo o xoves 29 de novembro no Museo CITA entre a xornalista de PontevedraViva, Marisa Ciordia e a directora de fotografía da película ' Doghs', Lucía Catoira, que recibía o premio Mestre Mateo 2018.
O venres 30 desenvolverase a ruta 'Cunca e nécora Expertxs', un divertido percorrido pola cidade no que a través de Whatsapp hai que descubrir os lugares das pistas. As persoas que realicen a visita recibirán unha foto Polaroid e o 'Certificado Turiño'. Para esta actividade é necesario inscribirse previamente en enfocaencontrofotografico@gmail.com
Tamén haberá un obradoiro intensivo de fotografía inspirado nas ideas do psicopedagogo e ilustrador Francesco Tonucci sobre a creación de cidades para os nenos. Será o sábado 1 de decembro no Espazo do Concello de Pontevedra Culturgal en Docente. A actividade é gratuíta, previa inscrición e só hai dispoñibles 7 prazas para menores con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos.
Por último, o sábado 1 de decembro terá lugar a actividade 'Visión nocturna', unha quedada de afeccionados e profesionais da fotografía que percorren a cidade co obxectivo de reflectir puntos diferentes da contorna urbana.
Cada participante poderá entregar dúas fotografías que formarán parte dunha exposición colectiva que se desenvolverá no mes de xaneiro de 2019 na Casa da Luz. Un xurado seleccionará a imaxe gañadora e os asistentes á mostra tamén votarán para escoller a imaxe premiada polo público. As persoas gañadoras recibirán como premio material fotográfico e unha experiencia na cidade. Para participar en 'Visión nocturna' tamén é preciso inscribirse previamente.
Relacionadas:
-
RADIO.- Mentres isto dure: "O xornalismo é agora máis necesario que nunca"
Por Marisa Ciordia |
-
Lucía Catoira Pan, Premio Mestre Mateo, explicará os segredos da fotografía no CITA
Por Redacción |
-
Enfocadas, catro mulleres tras as cámaras que reivindican o seu papel no fotoxornalismo
Por Alejandro Espiño |