O Premio de Relato Breve Nélida Piñón xa está nas mans do seu gañador, Daniel Asorey
Por Redacción
O escritor Daniel Asorey Vidal recibiu este martes o Premio de Relato Breve Nélida Piñón que, na súa segunda edición, recoñeceu a calidade da súa obra Anatema. Foi nun acto de entrega que se celebrou no Concello de Cerdedo-Cotobade coa presenza da escritora brasileira.
Ela mesma entregou tanto este premio -que ten unha dotación económica de 4.000 euros- como os dous accésits, que recaeron no escultor Rosendo Cid Menor e no xornalista Xesús Fraga por "37 vidas breves" e "Roller Girl", respectivamente.
Nélida Piñón volveu a agradecer a oportunidade de que un premio leve o seu nome nun lugar que para ela é o "epicentro da miña memoria" e, pola súa banda, no seu discurso, Asorey reclamou que Galicia aposte firmemente pola cultura e pola lingua.
Durante a súa intervención no acto, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, subliñou a importancia deste galardón como estímulo á produción literaria e plataforma de lanzamento de novos escritores galegos.
Rodríguez sinalou que se trata dun dos certames de narrativa breve dos máis representativos do panorama literario galego que "amosa un compromiso innegable coa nosa cultura e con aspectos esenciais da identidade galega".
O presidente municipal, Jorge Cubela, avanzou ademais que o Concello vai seguir desenvolvendo "xestión política" no eido cultural para manter a "posición de vangarda" no ámbito galego e para promocionar o legado inmaterial do municipio "ata levalo ao lugar que se merece".
Para elo, indicou que se vai afondar na potenciación da figura de Antonio Fraguas, Letras Galegas 2019, na exposición da traxectoria de Antonio Rodríguez Fraiz, na colaboración coa Fundación Figueroa, no estudo histórico e social a través de Xosé Fortes e na posta en valor e a difusión dunha "figura única" como Nélida Piñón.