Cerámica 'castrexa' en Galicia, un referente para entender as orixes da comunidade
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra xunto a Fundación Terra Termarum e o Concello de Cuntis, acolle dende este mércores e ata o vindeiro 16 de xuño a exposición Cerámica Castrexa en Galicia, investigación e recuperación, no Sexto Edificio do Museo.
Trátase dun profundo traballo de investigación que ten por obxectivo mostrar os xacementos e os achados do castro de Castrolandín, a través da súa posta en valor así como o estudo do material procedente das escavacións realizadas neste castro no marco dun obradoiro de réplicas arqueolóxicas cerámicas.
A mostra conta con 68 pezas tanto de Castrolandín como doutros castros galegos como Meirás, Elviña, Baroña, Montealegre, A Lanzada, Illas Cíes, Vigo, Punta de Muíño do Vento, Toralla, Santa Tegra, Torroso, Fozara, Castromao, Tomeza, Coto de Mosteiro, Viladonga, Zoñán ou Illa de Xoances.
A exposición corresponde á Idade do Ferro en Galicia, e está estruturada en tres fases segundo cronoloxía (fase inicial do século VIII a.C ó V a.C, fase media do castrexo do IV ó II a.C e fase de transición do I a.C ó I d. C). O proceso consistiu nunha documentación das pezas orixinais, debuxo arqueolóxico, documentación fotográfica, reconstrución virtual tendo en conta pezas coñecidas e reconstrución da peza no taller da fundación por ceramistas e restauradores.
CERAMICA CASTREXA DE CALIDADE
Na presentación levada a cabo esta mañá, estivo presente a deputada Ana Isabel Vázquez, quen puxo de manifesto a importancia do proxecto: "Trátase dunha mostra moi didáctica que amosa a evolución dos castros e que permite coñecer as nosas orixes aportando coñecementos das raíces galegas así como chegar a tódolos públicos que é fundamental, abrindo as portas ó turismo"; xunto co alcalde de Cuntis, Antonio Pena Abal, que describiu as cerámicas como "as mellores do mundo con gran deseño e calidade".
A exposición compleméntase a través dun ciclo de conferencias que pretenden abrir novos horizontes de investigación:
- 22 de maio: "Volvendo ó pasado de Cuntis para cambiar o presente. Trece anos da Fundación Terra Termarum Castrolandín" a cargo de Carlos Otero Vilariño, arqueólogo do Instituto de Ciencias do Patrimonio (CISC)
- 29 de maio: "A cerámica castrexa en Galicia: un proxecto de investigación e recuperación" impartida pola comisaria da actividade, Mar Cortegoso Comesaña.
- 5 de xuño: "Patas, potes e castros: modelando unha imaxe renovada da Idade de ferro" por Xurxo Ayán Vila, arqueólogo do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, especialista na Idade de Ferro.
A través de iniciativas como esta, a Deputación de Pontevedra amosa o seu compromiso coa cultura e historia galega como ven facendo con proxectos de posta en valor doutros xacementos en toda a provincia, como a Ruta dos recursos galaico-romanos, Monte Castro, ou os Petroglifos de Campo Lameiro.