Talco abrirá un SonRías Baixas que xuntará en Bueu máis dunha ducia de bandas
Por Alejandro Espiño
A banda italiana de ska-punk Talco abrirá, o xoves 2 de agosto, a XVI edición do SonRías Baixas, que encherá de novo Bueu de festivaleiros coa súa infalible mestura de boa música, gastronomía e praia.
Os Talco ofrecerán no SonRías Baixas o seu único concerto nos festivais de verán galegos e farano cun novo disco debaixo do brazo. And the winner isn't, publicado en febreiro deste 2018, abrirá no Escenario Super Bock o completo cartel musical do festival.
O cartel inclúe a única cita galega da xira de despedida da big band valenciana La Raíz, o potente directo dos rockeiros referentes da música en euskera Berri Txarrak, as cancións libertarias e cheas de humor dos Gatillazo, cos que Evaristo Páramos mantén máis vivo ca nunca o espírito de La Polla Records, a descarga enerxética dos Desakato ou a particular mestura de rumba, rock, swing, funk, entusiasmo e alegría de Muchachito.
Tamén pasarán por Bueu a principal voz do underground suramericano do momento, Sara Hebe, a peculiar fusión de folclore latinoamericano con ritmos xamaicanos e actitude punk dos Che Sudaka, os enfants terribles do garage punk galego Terbutalina, os habitantes do universo ska, punk e folk The Skarnivals e unha selección das mellores bandas emerxentes do momento.
A canción de autor urbana e mestiza de Muerdo, o rap e a electrónica en euskera de Revolta Permanent e o ska valenciano de Assekes farán que, como sempre, o público do certame marche de volta cunha nova descuberta musical.
A organización anunciou ademais o reparto dos días, con Talco, Revolta Permanent e Assekes o xoves 2; La Raíz, Desakato, Che Sudaka, Terbutalina e Sara Hebe o venres 3; e Berri Txarrak, Gatillazo, Muchachito, Muerdo e The Skarnivals o sábado 4 de agosto
Hoxe sairán á venda na web do festival un número limitado de entradas de día por 18 euros máis gastos, no caso do xoves, e 25 euros máis gastos, no do venres e sábado; mentres que o abono para os tres días custa 40 euros máis gastos, coa acampada incluída.
Relacionadas:
-
Éxito rotundo do SonRías Baixas cun balance de 22.000 asistentes
Por Redacción |
-
Todo listo para a XVI edición do SonRías Baixas
Por Redacción |
-
Carmela Silva aplaude que a Xunta "copie esta gran idea de promoción" que é o #RíasBaixasFests
Por Oskar Viéitez |
-
Sete novas incorporacións ao cartel de SonRías Baixas 2018
Por Gabriela Varela Asorey |
-
Desakato, Sara Hebe e Skarnivals, novas confirmacións do SonRías Baixas 2018
Por Gabriela Varela Asorey |
-
La Raíz e Terbutalina, primeiras confirmacións do SonRías Baixas 2018
Por Redacción |
-
O festival Son Rías Baixas regresa a Bueu os días 2, 3 e 4 de agosto
Por Redacción |