Cinemas de Galicia proxectará filmes en Bueu e O Grove
Por Oskar Viéitez
O circuíto de exhibición cinematográfica Cinemas de Galicia inicia este venres en Bueu a programación para 2018.
Esta proposta cultural, que chega da man da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), arrancará no Centro Social do Mar de Bueu coa proxección, ás 21,00 horas, de Santoalla.
Será a primeira proxección das 19 que terán lugar entre os meses de maio e xuño nos concellos asociados este ano, entre os que tamén está O Grove.
Os veciños de Bueu tamén poderán ver o 1 de xño Verán 1993. Ambas películas foron presentadas este mediodía nunha rolda de prensa na que interviñeron Jacobo Sutil, director da Agadic, Xosé Leal, concelleiro de Cultura, e Alba Sotelo, presidenta do Cineclub Bueu, que participa activamente na iniciativa.
Jacobo Sutil explicou que Cinemas de Galicia mantén os mesmos obxectivos cos que botou a andar en 2014. Por un lado, búscase ofertarlles novas vías de distribución aos filmes galegos e, por outro, incrementar o número de pantallas cinematográficas na nosa comunidade. Estes propósitos compleméntanse coas finalidades de incentivar o consumo cinematográfico entre a cidadanía e de achegar a sétima arte a concellos que non teñen dispoñibles salas comerciais nestes momentos.
Ademais das películas programadas en Bueu, tamén se poderán ver no Grove: Moitos fillos, un mono e un castelo, de Gustavo Salmerón, o 26 de maio; e A libraría, de Isabel Coixet, o 12 de maio; O fillo de Bigfoot, de Ben Stassen e Jeremy Degrusson, o 6 de maio; O autor, de Manuel Martín Cuenca, o 24 de xuño e Lady Macbeth, de William Oldroyd, o 2 de xuño.
Ademais destes títulos, tamén forman parte do catálogo de Cinemas de Galicia outros 11 filmes que serán susceptibles de entrar no circuíto a partir de setembro.