O Grove e Bueu acollen dez novas proxeccións do ciclo Cinemas de Galicia
Por Redacción
Coa proxección da película vasca Handia, a gran triunfadora dos Premios Goya 2018, comezará no Grove o segundo ciclo da programación anual de Cinemas de Galicia, unha iniciativa impulsada pola Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) na que participan sete concellos galegos, entre eles O Grove e Bueu.
Handia, baseada en feitos reais ocorridos no País Vasco no século XIX e que narra a historia dun home xigante, proxectarase este domingo 9 de setembro, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.
A oferta nese mesmo espazo continuará o 23 de decembro, día no que se dedicará a sesión a multipremiada Dhogs, a ópera prima do lucense Andrés Goteira con produción galega de Gaita Filmes.
Tamén no Grove, pero xa en novembro e dentro da carpa institucional da praza do Corgo, proxectaranse o 4 de novembro The square, primeiro premio do Festival de Cannes 2017; o 18 de novembro, Mimosas, a celebrada obra do realizador galego Oliver Laxe rodada no Atlas marroquí; e o 25 de novembro, o documental Vigo 1972, sobre a histórica folga de 30.000 traballadores na cidade pontevedresa.
En Bueu, o auditorio do Centro Social do Mar recibirá Dhogs (21 de setembro), A librería (19 de outubro), Stefan Zweig: adeus a Europa (2 de novembro), Lady Macbeth (22 de novembro) e O fillo de Bigfoot (1 de decembro).
Todas as producións son ás 21:00 horas, agás a última que se adianta ás 17.00 horas. por estar dirixida especialmente ao público infantil.
O ciclo Cinemas de Galicia busca ofertar novas vías de distribución aos filmes galegos e incrementar o número de pantallas cinematográficas na comunidade.