Guadi Galego, La Habitación Roja e The Posies, concertos das Matinés do Principal para este 2018
Por Anxo Lourido
O formato de concertos matinais os sábados no Teatro Principal iniciábase en 2017 cun importante éxito de participación. Por este motivo, 2018 volverá repetir a fórmula das 'Matinés do Principal' con tres concertos ás 12.30 horas:
- Guadi Galego: 7 de abril
- La habitación roja: 05 de maio
- The Posies: 06 de outubro
Trátase de artistas de relevancia de ámbito autonómico, nacional e internacional. Na presentación deste ciclo, a concelleira Carmen Fouces destacaba a importancia deste tipo de experiencias para difundir a música en directo, a prezos económicos, entre a xente máis nova, en moitos casos, menores que acompañan aos seus pais a estes concertos.
Ademais, nos vindeiros días vai anunciarse unha programación de tapas e comidas relacionadas coa hostalería da Zona Monumental, con descontos para o público que asista ás Matinés.
Carlos Montilla, de I-Radia Crea, explicaba que esta iniciativa está a ser seguida por outras cidades galegas xa que é unha proposta que permite que os asistentes procedentes doutros lugares pasen máis horas na contorna do concerto.
Indicou que a artista de Cedeira Guadi Galego ofrecerá un concerto especial, distinto ao que está a levar a cabo na súa actual xira.
Pola súa parte, La Habitación Roja, unha das bandas máis sólidas do panorama española actual, está a gravar o seu próximo disco, que está previsto que salga en abril. Pontevedra será un dos primeiros escenarios onde presentarán as súas novas cancións.
The Posies é un grupo estadounidense cuxo líder Ken Stringfellow realizou un circuíto con R.E.M. como músico de acompañamento. A banda conta con 15 discos gravados e segue unha liña musical relacionada co power pop.
As entradas poñeranse á venda a partir deste martes a través da web do Pazo da Cultura e na billeteira da Casa da Luz, a prezos a partir dos 12 euros, cun desconto dun 50% para os menores de 14 anos. O bono para todos os concertos será de 36 euros.
Na edición de 2017, nalgúns dos concertos, o público que chegaba doutras cidades alcanzou o 40% do aforamento, segundo explicaba Carlos Montilla e polas catro actuacións pasaron máis de 1.200 persoas.
Relacionadas:
-
O power pop de The Posies soará en horario matinal no Teatro Principal
Por Redacción |
-
As "matinés" do Principal fan "memoria" con La Habitación Roja
Por Redacción & Paula Sanmartín |
-
"Teño ganas de pasar páxina. Agardo que o concerto de Pontevedra sexa algo moi especial"
Por Alejandro Espiño |
-
Guadi Galego namora o público das Matinés
Por Redacción |
-
Guadi Galego inaugura as matinés do Principal
Por Alejandro Espiño |
-
Delafé e a Orquestra Os Modernos despiden as matinés do Principal
Por Redacción & Diego Torrado |