O power pop de The Posies soará en horario matinal no Teatro Principal
Por Redacción
A banda estadounidense The Posies serán os seguintes convidados do ciclo musical As Matines do Principal. Actuarán este sábado 6 de outubro, a partir das 12.30 horas, no teatro pontevedrés.
Tras Guadi Galego e La Habitación Roja, o grupo liderado por Ken Stringfellow e Jon Auer toma o relevo sobre o escenario do Teatro Principal, no que o público está a descubrir os directos de artistas, músicos e grupos internacionais, nacionais e galegos de contrastada reputación, valía artística e orixinalidade.
The Posies é unha das máis populares formacións de power pop nacidas co amencer dos anos noventa (eles, concretamente en Seattle e un pouco antes, pois sacaron o seu primeiro disco, Failure, en 1988), un cetro no que comparten honras con nomes como Matthew Sweet e Teenage Fanclub.
Con estes últimos, a rivalidade foi tan dura coma sa, de maneira que se pode falar de admiración compartida: tanta que cando en 2010 participaron no ciclo We Used To Party, o disco que elixiron para versionar foi A Catholic Education, o debut dos escoceses.
Por máis que pasen os anos, Stringfellow e Auer seguen a ser un referente de melodías infecciosas, que eles crean con pasmosa facilidade e cun acento tan accesible e atemporal que se imaxina prestado por Alex Chilton.
Entre os seus álbums, os icónicos Frosting On The Beater (1993) e Amazing Disgrace (1996) lévanse a palma. Este 2018, para conmemorar o 30 aniversario da banda, reeditaron ambos traballos, ademais da súa segunda obra, Dear 23 (1990), tanto en formato de dobre CD como de LP de vinilo, acompañados de numerosos bonus tracks que nunca antes viran a luz.
En canto á súa produción máis recente de estudio, en 2016 volveron á carga co disco Solid States, o primeiro que publicaban desde Blood/Candy (2010).
As entradas para este concerto están á venda a través de Ticketea.
Relacionadas:
-
Os estadounidenses The Posies pechan o ano de 'As Matinés do Principal'
Por Redacción |
-
As "matinés" do Principal fan "memoria" con La Habitación Roja
Por Redacción & Paula Sanmartín |
-
Guadi Galego namora o público das Matinés
Por Redacción |
-
Guadi Galego, La Habitación Roja e The Posies, concertos das Matinés do Principal para este 2018
Por Anxo Lourido |