"Casting Tour" de Pinga Teatro, nova cita co ciclo de teatro PoioEscena
Por Redacción
Xa está todo a punto para que PoioEscena volva a levar unha das mellores obras do teatro afeccionado aos veciños do municipio. Desta volta será na Casa do Pobo de Río de Bois (Samieira). Alí representarase, este venres 26 de abril ás 21.00 horas, a obra Casting Tour, unha das máis recentes montaxes da compañía viguesa Pinga Teatro.
Casting Tour, protagonizado por María Carrera e Miquel Condal, é un espectáculo que ofrece as probas de actores e actrices para unha telenovela de 400 capítulos con todas as linguas da península e subtítulos en inglés.
A comedia conta a historia dun representante do textil catalán que viaxa por toda a península en busca da diversidade interpretativa e non contaminada. Deste xeito, tentará atopar en todos os pobos e lugares da pel de touro, un sistema innovador, tanto na produción do casting como na realización do mesmo, un risco que poucas producións asumirían.
Esta representación será gratuita para os socios da SCD Samieira e custará un euro para os da Acdem Armadiña e da SCD Raxó. O público restante poderá acceder por dous euros.