A versión teatral de "Atraco a las tres", o 7 de abril en Pontevedra
Por Redacción
Atraco a las tres, unha das películas míticas do cinema español, regresa a escena. Faino reconvertida en función teatral, un espectáculo dirixido por Carlos Pardo que poderá verse en Pontevedra o próximo 7 de abril ás 20.00 horas. Será no auditorio de Afundación.
Esta adaptación teatral respecta o guion orixinal da película e incorpora ademais números musicais.
A obra traslada aos espectadores a unha España empobrecida, onde un grupo de traballadores dunha sucursal bancaria sobreviven día a día como unha familia, rexentada polo bo de don Felipe, o director da sucursal.
Empeñado en dar préstamos ao que o necesita no canto de ao que dá máis beneficio ao banco, será despedido e substituído polo malvado Prudencio, o antigo subdirector.
Feridos por esta inxustiza, todos os empregados uniranse nun ambicioso plan urdido polo astuto Galindo, o responsable do portelo de ingresos e cobros, para realizar o roubo do século. Pero a aparición da bela Katia, estrela de revista e muller fatal, provocará que todo o plan perige.
As entradas para esta función están dispoñibles na web Ataquilla.com ou ben no teléfono 902 504 500.