A Real Academia Galega presenta o boletín dedicado a Xosé Filgueira Valverde no Museo
Por Redacción
O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá o vindeiro mércores 25 de xaneiro a partir das 20.00 horas a presentación do boletín da Real Academia Galega número 376, dedicado a Xosé Filgueira Valverde na súa parte monográfica.
O volume recolle a conferencia inaugural e dezaoito comunicacións do simposio "Filgueira Valverde na cultura galega do século XX", que se desenvolveu entre o 10 e o 27 de novimebre de 2015 entre Pontevedra, Santiago de Compostela e A Coruña. Tamén inclúe os discursos sobre o autor pronunciados polos académicos Víctor F. Freixanes e Francisco Díaz-Fierros Viqueira no acto central do Día das Letras Galegas dedicado ao polígrafo pontevedrés.
O acto contará coas intervencións do presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero; o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle; o presidente da Fundación Filgueira Valverde e fillo do escritor, Fernando Filgueira; a profesora da Universidade de Vigo, María Álvarez Lires e o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal.
Este volume recolle tamén os relatorios presentados no Simposio Filgueira Valverde celebrados no Museo, institución que o autor pontevedrés dirixiu durante varios anos, e que tivo continuidade en Santiago e na Coruña durante 2015, revisando o seu traballo como folclorista, bibliófilo e editor.