Unha vintena de autores retratan a Filgueira Valverde nun boletín da Real Academia Galega
Por Redacción
O boletín número 376 da Real Academia Galega dedica a súa parte monográfica ao intelectual pontevedrés Xosé Filgueira Valverde. Nel, vinte e un autores achegan a súa visión e retratan a este persoeiro, protagonista das Letras Galegas de 2015.
O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, institución que dirixiu Filgueira Valverde durante décadas, acolleu a presentación desta publicación, que xa se pode consultar na páxina web da Real Academia Galega.
O seu presidente, Xesús Alonso Montero, destacou que nos textos destes autores se profunda nas "moitas especialidades cultivadas por aquel inmenso polígrafo que se chamou Xosé Filgueira Valverde".
Para el, a presentación deste boletín tiña que ser en Pontevedra porque Filgueira Valverde "é a figura central, aínda que non exclusiva, deste número", que para o presidente da academia galega "é un dos máis ricos dos últimos lustros, período no que non escasean volumes de considerable riqueza".
O boletín recolle dezaoito comunicacións presentadas en novembro de 2015 no simposio Filgueira Valverde na cultura galega do século XX e mais a conferencia inaugural desta cita, a cargo do académico de honra Arcadio López-Casanova.
As alocucións pronunciadas polos académicos Víctor F. Freixanes e Francisco Díaz-Fierros Viqueira no acto central do Día das Letras Galegas de 2015, celebrado tamén no Museo de Pontevedra, completan a parte monográfica.
O conxunto dos textos sobre o homenaxeado ocupa preto de 400 páxinas nas que vinte e un autores afondan na relación de Filgueira Valverde con Pontevedra; no seu labor institucional, desde o Seminario de Estudos Galegos á Fundación Barrié e o Consello da Cultura Galega; na obra literaria e filolóxica e no seu labor de editor, etnógrafo ou estudoso da temática xacobea.
No acto participou, entre outros, o fillo de Filgueira Valverde que agradeceulle á Academia tanto a celebración do Simposio Filgueira Valverde como a publicación dos traballos expostos naquel encontro.
Fernando Filgueira asegurou que este "espléndido" volume pon un brillante final ao que foi o ano das Letras Galegas 2015, "que nos encheu de fonda alegría e agradecemento".
O fillo do intelectual pontevedrés engadiu que para lembrar o seu pai "non hai nada mellor que un libro no que se recolla o que foi, o que fixo e o que achegou para o enaltecemento da cultura galega e cumprir o seu anceio de facer país".