Campaña solidaria na Biblioteca: as sancións polo atraso nas devolucións conmútanse por alimentos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Biblioteca Pública de Pontevedra inicia a partir do luns 12 de decembro e ata o 8 de xaneiro de 2017 unha campaña solidaria que leva por título "Lectura solidaria-Libros por alimentos".
A proposta contempla cambiar as sancións que contempla o regulamento, polos atrasos na devolución de libros e demais materiais, por produtos de primeira necesidade, alimentos non perecedoiros, que irán destinados ao Banco de Alimentos de Vigo que abastece a persoas con necesidade en toda a provincia.
Para colaborar con esta campaña non é necesario estar sancionado. Todos os lectores que devolven en prazo os materiais poden sumarse a esta iniciativa, entregando tamén produtos de primeira necesidade.
Con esta iniciativa a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola pretende facer unha chamada á solidariedade por parte dos usuarios e contribuír nestas datas para axudar a persoas con escasos recursos.