Volve o Caldelas Xoven, o festival de música electrolatina de Ponte Caldelas
Por Redacción
Cinco horas de música ininterrompida que abrirán catro artistas de proxección internacional e finalizará coas sesións a cargo de cinco DJ moi recoñecidos. É a proposta da segunda edición do festival electrónico e latino Caldelas Xoven, co que comezarán ás festas das Dores o próximo 26 de agosto.
Na presentación do festival, que tivo lugar este martes no Concello, participaron o alcalde da vila, Andrés Díaz, e os seus organizadores, Newmaik e os DJ Hugo Nández e Álvaro Malvar.
O Caldelas Xoven, que terá lugar na Alameda, está pensado para un público de ata uns 30 anos que gusta especialmente dunha proposta musical na que o son, a iluminación e o ambiente son os protagonistas.
Andrés Díaz explicou que o programa das festas de verán precisaba dun evento como este, pensado por e para unha xeración que carecía dunha oferta específica. Máis aínda, dixo, cando os festivais de música alternativa atraen a moitos espectadores de toda Galicia e mesmo de fóra da comunidade.
Os organizadores están convencidos de que co cartel que ofrecerá o Caldelas Xoven 2016 o éxito é seguro. O venezolano Ricky Furiati encabeza a oferta. Cantante e compositor latino afincado en Canarias, autor do éxito Te marchaste, combina o pop-rock con ritmos latinos, bases bailables e elementos da música urbana.
DKB, é un cantante cubano autor de éxitos como Esto es para ti, Fruto prohibido, A lo loco, Quien será, El cocodrilo ou Roto, onde se decanta pola mistura de reggaeton, popping e hip-hop; mentres que Newmaik é un vigués de talento que vén de asinar con Roster Music onde publicou o seu éxito En línea, que sona con forza nas radios galegas máis actuais.
O cartel pecha con Guillermo Castro, un informático con corazón musical que destaca polo seu éxito Espera.
As DJ sessions estarán a cargo de Hugo Nández, Adrián Mesu, DJ Charlie, Diego Mei e o local Álvaro Malvar, que repite por segundo ano consecutivo e atopa así unha oportunidade de seguir medrando na súa carreira musical.
Durante a xuntanza preparatoria do Caldelas Xoven, Andrés Díaz amosouse moi satisfeito cos resultados do ano pasado. Será unha oportunidade, destacou, para gozar da música urbana que vai do acento latino máis puro aos novos valores galegos como Newmaik ou á alma máis electrónica, que representa Hugo Nández, un DJ que nas últimas semanas estivo en Estados Unidos, Perú o máis recentemente en Ibiza.
Andrés Díaz garantiu que o Concello estará atento a todos os detalles e, mesmo no improbable caso de que chova, colocarase unha carpa para garantir a celebración do evento.