Ponte Caldelas pon en marcha un operativo de seguridade no festival electrolatino
Por Redacción
Coordinar aos distintos corpos encargados de garantir a seguridade durante as Festas das Dores foi o obxectivo da xuntanza que o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, mantivo este xoves na Casa do Concello co sarxento da Garda Civil do posto de Ponte Caldelas, Francisco Javier Márquez; o policía local Sergio García Castaño, e os responsables da Agrupación Local de Protección Civil, Adán Pereiro Cabadas e Andrea Pérez de Sousa.
O Concello de Ponte Caldelas quere, deste xeito, organizar un dispositivo que garanta que os veciños e visitantes podan gozar da recta final do Agosto Cultural e das festas das Dores con total tranquilidade e, na medida do posible, sen incidentes.
Tras a xuntanza, o alcalde explicou que o persoal dos tres corpos vai extremar a vixilancia na contorna da Alameda, epicentro de todas as actividades, xunto coas rúas próximas. Tamén haberá presenza habitual dos tres corpos nos aparcamentos habituais do paseo da Calzada, na área do colexio Cordo Boullosa e do campo de fútbol de Chan da Barcia. O control será especialmente intenso dende primeira hora da noite ata case a madrugada, en función dos horarios das distintas actividades.
Andrés Díaz subliña que as festas de Ponte Caldelas adoitan ser tranquilas, pero as aglomeracións de xente, xunto co consumo de alcohol sempre incrementan o risco, polo que convén estar preparados. "Sabemos que a inmensa maioría da xente é cívica e sabe comportarse, pero creo que non está de máis que, na medida das nosas posibilidades, nos esforcemos para que as nosas festas sexan só unha ocasión para gozar e pasalo ben", explicou.
O operativo comeza mañá venres, coa celebración do Ponte Caldelas Xove, o festival de música electrolatina que arranca ás 23.00 horas e vai ofrecer preto de cinco horas de diversión coa actuación dos artistas DKB, Guillermo Castro, Hugo Nández, Ricky Furiati, Adrián Mesu, Álvaro Malvar, Diego Mei e Dj Charlie. Agárdase a presencia de varios milleiros de persoas.
O sábado 27 a Alameda acolle o Festival Folclórico e, a continuación, unha verbena coas orquestras Armonía, Show de Canarias e Xacobeo.
O domingo 28 haberá verbena coa orquestra Televisión. O luns 29, Festival “Son de Ponte Caldelas” e verbena coa orquestra Miramar. O martes, 30 chegará a habitual verbena durante toda a noite e ata as 8 da madrugada coas orquestras Marbella, Pontevedra e Alkar. Finalmente, o mércores 31 sera o Día do Neno nas atraccións infantís.