Outono cheo de humor en Pontevedra con Luis Piedrahita e Berto Romero
Por Alejandro Espiño
Un ano máis, Afundación aposta polo humor para a súa programación cultural de outono. Así, dúas grandes estrelas da comedia nacional visitarán o auditorio que a entidade ten na cidade de Pontevedra despois do verán. Trátase de Luís Piedrahita e de Berto Romero.
O primeiro en chegar será Luís Piedrahita. Presentará o venres 16 de setembro, a partir das nove da noite, o seu espectáculo ¿Por qué los mayores construyen los columpios siempre encima de un charco?.
Neste espectáculo, o cómico galego conta a historia dunha viaxe, a vida, fixándose en todos eses pequenos detalles aos que ninguén presta atención. Desde as rodas das maletas ata os adhesivos das mandarinas, as cousas máis pequenas transfórmanse nas protagonistas dos monólogos máis grandes.
As entradas para este espectáculo están xa á venda, a un prezo de 15 euros, en www.ataquilla.com.
Pola súa banda, Berto Romero visitará a cidade do Lérez o venres 11 de novembro, ás nove da noite. En Afundación presentará o espectáculo Berto Romero sigue con nosotros.
Nel, o artista catalán reflexiona sobre a súa nova vida como pai responsable e cómico respectado. A un paso de converterse en corentón, cre tr aprendido algunhas boas leccións que quere compartir cos seus seguidores. Superou os complexos e traumas que lle atenazaron no pasado, e todo apunta a que está desenvolvendo uns novos. Polo demais, segue obstinado en cantar e bailar e en explicar a súa vida. E a dos demais.
En www.ataquilla.com pódense comprar as entradas, que teñen un prezo de 15 euros.