O Museo amosará documentos singulares de acceso restrinxido con motivo do Día Internacional dos Arquivos
Por Redacción
Amosar ao público non especializado os documentos singulares que se custodian no arquivo do Museo é o obxectivo da actividade organizada con motivo do Día Internacional dos Arquivos, que terá lugar o vindeiro xoves 9 de xuño. O obxectivo é promover e difundir entre a cidadanía a necesidade de conservar a documentación de arquivo –tanto do sector público coma do privado- e do seu dereito de acceder a eles.
O modo de celebralo será cunha xornada de portas abertas na que se dará a oportunidade, en dúas quendas, de facer unha visita guiada aos fondos documentais que se custodian no Museo.
A responsable do arquivo, María Jesús Fortes, recibirá a cada grupo no edificio Fernández López, para explicar a orixe do arquivo, como se foi consolidando e que tipo de fondos documentais o conforman. Na visita tamén se informará sobre as funcións e servizos que o Museo ofrece a todas as persoas interesadas en utilizar a documentación que custodia para as súas investigacións sobre temas como historia, arte, música, literatura, ou antropoloxía.
Realizarase unha visita pola mañá, ás 11:30 h, e outra pola tarde, ás 19 h. A inscrición é de balde e pode realizarse a través do correo electrónico secretaria.museo@depo.es ou telefonicamente no número 986 804 100, extensión 42436. O número máximo de participantes é de 15 por quenda e a reserva farase por orde de inscrición.
OBRAS SINGULARES
Documentos históricos singulares, que destacan pola súa coidada factura e polo seu aspecto físico conforman o principal atractivo da selección de obras que se poderán coñecer nestas visitas. María Jesús Fortes explicará a orixe e función de documentos como os privilexios reais ou as executivas de nobreza que se custodian no Arquivo.
Entre as curiosidades que amosará pode citarse un documento no que Carlos III confirma os privilexios que os anteriores monarcas lle concederan ao Coto de Dozón; ou un tratado de ciencias sobre o cultivo da grana, datado no século XVIII, con ilustracións realizadas á man nas que se explica visualmente todo o proceso desde que se extrae o parásito -a grana- da planta ata como se manipula para extraer o tinte vermello para o seu posterior uso téxtil. A responsable do Arquivo incluirá no percorrido curiosidades dos documentos seleccionados, así como a súa historia e peculiaridades.
O Día Internacional dos Arquivos conmemora a fundación do Consello Internacional de Arquivos (CIA), creado en 1948 na cidade de París, como órgano asesor da UNESCO.
Desde o Museo de Pontevedra é a primeira vez que se conmemora cunha visita destas características aberta ao público xeral, posto que habitualmente as visitas a fondos específicos organízanse a petición de colectivos ou investigadores que o solicitan en función dun interese nunha materia en particular.