Portas abertas do Arquivo do Museo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Todas aquelas persoas que se dedican a rexistrar, conservar, custodiar, encarpetar, fichar, gardar, celebran hoxe o seu día, o Día Internacional dos Arquivos.
Nesta data conmemórase a creación do Consello Internacional de Arquivos da UNESCO o 9 de xuño de 1948, lembrando o inmenso valor destas institucións para a protección do patrimonio documental, a preservación da memoria e o servizo da administración aos cidadáns.
Tamén o Museo de Pontevedra sumouse a esta conmemoración cunha actividade singular, unha exhibición de documentos de acceso restrinxido, "documentos de normalmente só coñecen os especialistas", destacou o director da institución, Carlos Valle.
"Visibilizando este patrimonio probablemente estamos a contribuír a que moitas persoas sexan conscientes do que elas posúen, ou en todo caso, do valor de preservar para coñecernos mellor", dixo Carlos Valle.
A responsable do Arquivo do Museo, María Xesús Fortes, foi a anfitrioa en dúas visitas guiadas nas que explicou con moito mimo e gran luxo de detalles a orixe e función de documentos como os privilexios reais ou as executivas de nobreza que se custodian en en o edificio Fernández López.
María Xesús Fortes explicou que foi "realmente difícil" facer unha selección de materiais porque o de Pontevedra é un arquivo "moi variado", con valiosos documentos da historia local, rexional e mesmo hai escritos que exceden fronteiras de Galicia, como ocorre coa documentación política do Marqués de la Vega de Armijo, que recolle correspondencia de consulados ou informes.
Os fondos que se custodian están moi relacionados con personaxes vencellados á institución, é dicir, pertenceron a directores ou membros da Sociedade Arqueolóxica como Casto Sampedro ou José Casal. Tamén hai fondos de patróns do Museo como as irmás Mendoza Babiano ou Méndez Múñez, e por suposto Sánchez Cantón, Filgueira Valverde ou Antonio Odriozola. Tampouco faltaron os fondos depositados polos seus numerosos benefactores do Museo como Fernández López.
É a primeira vez que o Museo de Pontevedra conmemora cunha visita destas características aberta ao público xeral, posto que habitualmente as visitas a fondos específicos organízanse a petición de colectivos ou investigadores que o solicitan en función dun interese nunha materia en particular.