As 'Lúas de outubro e agosto' de Guadi Galego, o 7 de maio no Teatro Principal
Por Alejandro Espiño
Tras o éxito de Nada Surf, o ciclo Sons Diversos ofrece un novo concerto este sábado 7 de maio en Pontevedra. A súa protagonista será a cantante Guadi Galego, que presentará en directo no Teatro Principal a partir das nove da noite, os temas que incluíu no seu segundo disco, Lúas de outubro e agosto, editado por Fol Música.
A artista actuará cos seus músicos habituais: Guillerme Fernández á guitarra, o baixo de Paco Charlín e Isaac Palacín na batería. Ademais, acompáñana nesta xira cinco mulleres importantes na súa vida que colaboraron tamén cos coros no disco, e contará coa voz de Lola de Ribeira, que ten cantado xunto os Diplomáticos de Monte Alto.
A cantante, voz inconfundible da mítica e xa desaparecida banda Berrogüetto, iniciou a súa carreira en solitario en 2009 co disco Benzón. A finais do 2014 publicou Lúas de outubro e agosto, álbum que se converteu no grande éxito da música galega daquel ano ao vender máis de 3.000 copias en pouco máis de mes e medio dende o seu lanzamento.
A cifra -xunto ao número de visionados do seu videoclip Matriarcas, demostra o interese que suscita o traballo musical da cantante que, nesta ocasión, preséntalle ao seu público unha versión máis pop de si mesma. Un pop que a propia Guadi define como "pop de autora sofisticado e con arrecendo a música popular".
Esa conxunción de tradición e modernidade mestúrase coa enorme sensibilidade que destila Lúas de outubro e agosto, un disco sobre emocións e sentimentos, dunha compositora que amosa rotundamente a súa madurez como autora.
Trátase dun traballo que contén fermosas cancións cun nexo común, a natureza das composicións, a esencia do vivido e madurado, a emoción e a intensidade, a delicadeza e o risco. Todo un exercicio de inspiración para encontrar vías non exploradas e propoñer unha música chea de sinceridade que sen dúbida está a callar no público.
As entradas poden obterse anticipadas, a 10 euros máis gastos en entradas.abanca.com, ou a doce euros no despacho de billetes do Teatro Principal desde unha hora antes do concerto no caso de non esgotarse.
Relacionadas:
-
Guadi Galego convence ao público pontevedrés
Por Redacción |
-
O rock alternativo de Nada Surf brilla no Pazo da Cultura
Por Mónica Patxot |
-
O fenómeno fan volve a Pontevedra con Calum
Por Diego Torrado |
-
Ángel Stanich, o primeiro 'son diverso' do novo ciclo musical de Pontevedra
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Chega 'Sons Diversos' con Ángel Stanich, Calum, Nada Surf, Guadi Galego e Immaculate Fools
Por Alejandro Espiño |