Belas Artes fai as maletas e viaxa ata Porto para facer balance de 25 anos
Por Redacción
Co obxectivo de facer visible o talento dos seus estudantes e egresados e, ao mesmo tempo, balance dos seus 25 anos de historia, na Facultade de Belas Artes dotáronse dunha serie de maletas de madeira que servisen tanto para transportar obras de pequenas dimensións como de soporte para a súa exposición.
Maletas coas que emprendeu viaxe ata o pavillón de exposicións da Facultade de Belas Artes da Universidade do Porto, onde vén de inaugurarse Proxectos inacabados, 25 anos. Unha facultade na maleta, exposición que reúne as obras de preto de medio cento de estudantes e titulados.
“Un dos obxectivos do 25 aniversario era visibilizar o que se fai na nosa facultade fóra da nosa contorna máis próxima”, salienta Silvia García, decana da facultade do campus pontevedrés e comisaria dunha exposición que rende homenaxe á Boîte-en-valise de Marcel Duchamp, o proxecto no que este artista reunía nunha maleta unha serie de miniaturas das súas principais obras.
Nese senso, dez maletas de madeira creadas ex profeso para esta exposición e nas que se amosan “unha serie de traballos de pequeno formato, como obra gráfica, libros de artista ou fotografías” ocupan o espazo central deste pavillón, onde esta exposición do 25 aniversario, inaugurada na tarde deste xoves, permanecerá ata o 9 de abril.
Mais non todas as obras que conforman esta exposición viaxaron ata Porto dentro dunha maleta.
Así, os soportes que ocupan o espazo central da sala vense completados con outra serie de pezas, desde pintura ou escultura ata videocreacións, que se amosan nas paredes do espazo.