Concerto da pianista Rosalía Gómez Lasheras
Por Redacción
Organizado pola Sociedade Filarmónica de Pontevedra, o vindeiro luns, día 18, ás 20:30 horas, terá lugar no Teatro Principal un recital de piano a cargo de Rosalía Gómez Lasheras.
Nada en Santiago de Compostela, Rosalía foi Premio Extraordinario do Conservatorio de Santiago en 2011. Actuou en numerosos auditorios españois e gando recoñecidos concursos, como o XVI Concurso de Piano Infanta Cristina (Madrid 2012) ou o XV Ciclo de Primavera (Barcelona 2012).
Tras o seu éxito no concurso Young Pianist Foundation (Amsterdam, 2013), onde obtivo o Primeiro Premio, debutou na sala de cámara do Concertgebouw de Amsterdam; desde entón goza dunha intensa actividade concertística que lle levou a diversos escenarios de Holanda, Austria, Portugal, Bélxica, Alemaña, Rusia e Estados Unidos.
En 2013 é seleccionada en Amberes para interpretar o Concerto Jeune-homme, baixo a batuta do soado director Philippe Herreweghe. Esta actuación engádese á súa ampla experiencia como solista con orquestra, actuando, entre outras, coa Real Filharmonía de Galicia, Orquestra Presjovem, Orkestacademie, Orquestra Gaos e Noord Nederlans Orkest.
Compromisos recentes incluíron o seu debut no Palau da Música Catalá (outubro 2015), unha xira polos Países Baixos como solista coa NNO e a estrea dun concerto para piano de Schoenberger, composto para ela. En 2015 outorgóuselle o título de Galega do Ano pola súa destacada traxectoria.
Rosalía ofrecerá en Pontevedra un programa con obras de Bach, Beethoven, Albéniz e Chopin.