O Museo, primeiro lugar onde se exporán xuntas todas as obras de gran formato de Castelao
Por Natalia Puga
O Museo de Pontevedra acollerá o vindeiro ano 2016 unha exposición sen precedentes sobre a obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Reunirá, por primeira vez na historia, todas as obras de gran formato do artista nunha exposición que se inaugurará o 1 de abril, con motivo do Día das Artes Galegas. A mostra aínda non ten nome concreto, pero o deputado de Cultura, Xosé Leal, avanzou que previsiblemente será 'Castelao Artista', xa que fai fincapé na súa obra artística e non na literaria.
Xosé Leal explicou que no ano 2000 xa se fixo unha exposición con características similares, pero non estaban todas as obras, senón que algunhas estaban a ser restauradas e non puideron expoñerse. Esta nova exposición enmárcase na programación do Ano Castelao, que incluirá unha segunda mostra a partir do 28 de xuño centrada en como era a Pontevedra na que viviu Castelao entre o ano 1916 e 1936, elaborada con fondos propios do Museo e do Arquivo Provincial. Levará por título 'Castelao - Meu Pontevedra' e tamén recollerá o seu papel como impulsor da fundación do Museo de Pontevedra.
O deputado provincial presentou este venres a programación do Museo de cara a 2016 acompañado do director do organismo cultural, Carlos Valle. Explicou que durante os vindeiros 12 meses "vai ser un centro de referencia tanto para as efemérides relacionadas co Ano Castelao como por mor do centenario do nacemento de Valle Inclán".
No caso do 150 anivesario do nacemento de Ramón María del Valle Inclán, unha das actividades principais será a exposición 'El rostro de las letras', organizada de forma conxunta con Acción Cultural Española e que fará un repaso fotográfico polas grandes figuras literarias e fotográficas desde o Romanticismo ata a xeración de 1914.
Xosé Leal avanzou que o orzamento do Museo para 2016 practicamente non variará con respecto a 2015, pero a principal diferenza entre as dúas contas anuais é que a nova non incluirá ningunha partida destinada á remodelación dos edificios que compoñen o Museo.
Ao respecto, Carlos Valle explicou que no orzamento de 2015 se recollía unha partida para mellorar o estado dos edificios orixinais da institución, pero non se executou porque non se deseñara previamente ningún plan de musealización que guiará a forma en que se deberían realizar as obras. Durante o ano 2016 un dos "retos” do equipo técnico da institución será deseñar como debería ser esa musealización.
Entre as novidades do departamento de Cultura da Deputación de cara ao ano 2016, Xosé Leal avanzou que o Certame Novos Valores recuperará o seu carácter de bolsa de estudos. Esa era a súa intención cando naceu, pero nos últimos anos pasara a ser só un premio, de modo que, coa chegada do novo goberno da Deputación, se farán os cambios necesarios para que a dotación económica que reciban os gañadores se destine a continuar os estudos ou realizar un proxecto artístico. Todo culminará nunha exposición monográfica no propio Museo.
A intención é que "ao igual que Castelao foi pensionado no seu momento e puido ampliar os seus estudos artísticos grazas á bolsa da Deputación, o gañador dos Novos Valores tamén poida usar a bolsa para continuar cos seus proxectos artísticos".
De cara a 2016 tamén está previsto que se reabra a Sala de Investigadores do Museo, pechada nos últimos tempos do anterior goberno da Deputación e que se estableza unha vía de traballo para asesorar aos concellos da provincia sobre como musealizar os seus recursos.
Relacionadas:
-
O Concello súmase ao Día das Artes Galegas, adicado a Castelao
Por Oskar Viéitez |
-
O Museo acolle "Os vellos non deben de namorarse", unha superprodución de monicreques
Por Anxo Lourido |
-
O Museo Provincial de Pontevedra será o epicentro da celebración do Ano Castelao en 2016
Por Oskar Viéitez |
-
Reclaman a reapertura "canto antes" do arquivo histórico e a biblioteca do Museo de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |